O novo período de financiamento europeo 2014-2020 supón unha oportunidade para as Administracións públicas e, por extensión, para o conxunto dos cidadáns, que é preciso xestionar de maneira axeitada. Ábrense novas vías de financiamento e as cidades poderán acceder a fondos para consolidar ou poñer en marcha iniciativas que apuntalen o desenvolvemento dos seus territorios. Non obstante, o proceso presenta retos que é necesario abordar cos coñecementos e as ferramentas necesarias. Neste contexto, cobra especial relevancia o desenvolvemento urbano sostible integrado, xa que se configura como un ámbito prioritario para a Comisión Europea pola súa capacidade para impulsar o avance dos territorios dende unha perspectiva sostible, equilibrada e holística. As cidades configúranse neste novo período de programación estrutural como un destino prioritario das políticas da Unión Europea.

As cidades deben estruturar as súas estratexias en función dunha serie de obxectivos temáticos (OT) prioritarios do Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) que son os seguintes:

OT2 “Mellora no uso e calidade dos servizos TIC”

como forma de mellorar a dimensión económica e a competitividade a través da cidade intelixente

OT4 “Apoio á transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores” e OT6 “Preservación e protección do medio natural e promoción da eficiencia dos recursos”

como xeito para mellorar a dimensión física e medioambiental da cidade sostible

OT9 “Inclusión social e loita contra a pobreza”

como forma de mellorar a dimensión social e a perspectiva da cidade integradora

Polo tanto, as medidas que atinxen á renovación física da cidade (tanto na trama urbana como nas parroquias do rural) hoxe en día deben definirse dun xeito combinado coas políticas locais en materia de desenvolvemento económico, de inclusión social ou de protección do ambiente. E neste novo enfoque é fundamental unha sólida colaboración entre a cidadanía, os axentes sociais e económicos locais así como entre as diversas administracións que actúan no territorio.

Actualmente Pontevedra, ao igual que o resto das cidades europeas, ten que facer fronte a diferentes retos que abranguen dende cambios demográficos ata consecuencias do estancamento económico en termos de creación de emprego, pasando polo impacto do cambio climático nas cidades. A identificación de respostas eficaces a estes retos será crucial para lograr a sociedade intelixente, sostible e integradora prevista na Estratexia Europa 2020.

El Burgo bridge in Pontevedra (Spain)