+ MODELO URBANO

+ Modelo Urbano Pontevedra é a aposta estratéxica de cidade que promove o Concello de Pontevedra para favorecer un desenvolvemento urbano sostible e integrado para o período 2014 – 2020, mediante un proceso de participación cidadá, que aspira a facilitar a acción de transformación urbana, económica, medioambiental, cultural, social e de modelo de goberno da cidade. Para iso, pártese dunha diagnose que permite configurar unha análise integrada do territorio a partir da cal se poden definir as prioridades e obxectivos en canto ás actuacións de carácter urbano, de conservación dos espazos verdes e patrimoniais, de definición de dotacións de equipamentos ou de desenvolvemento das infraestruturas, entre outras.

O proxecto + Modelo Urbano Pontevedra xorde como un instrumento que sirva para actuar sobre novos obxectivos, con vontade de resolver os problemas existentes e ofrecer propostas alternativas para conseguir un concello mellor, collendo como base o traballo feito a través do modelo de transformación urbana realizado nos últimos anos e que é recoñecido internacionalmente.

Esta aposta pola Pontevedra dos próximos anos faise coa participación cidadá, o que permitirá definir liñas de actuación prioritarias para abordar os retos económicos, ambientais, climáticos, sociais e demográficos aos que está a facer fronte a nosa cidade. Ademais, estes retos están interelacionados e o éxito do desenvolvemento urbano só se pode lograr a través dun enfoque integrado.