A Mesa de Contratación do Concello propón a adxudicación da obra de reurbanización do Gorgullón á empresa EC Casas

  • A empresa presentou unha oferta 1.258.629,17 euros e asume como complemento: o acondicionamento do entronque coa rúa Estación e a mellora do pavimento da banda central da rúa
  • A obra estará financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)
  • A empresa pontevedresa competiu con outras trece polo proxecto

A Mesa de Contratación do Concello propón a adxudicación da obra de reurbanización da rúa Gorgullón á empresa Construcciones EC Casas SL, unha actuación financiada con cargos aos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral (EDUSI) de Pontevedra.

EC Casas se posicionou en primeiro lugar do concurso, fronte a outras trece firmas, cunha oferta económica de 1.258.629,17 euros.

Ademais a empresa pontevedresa asume as melloras formuladas polo Concello na convocatoria do concurso: o acondicionamento do entronque coa rúa Estación, valorada en 90.000 euros e a mellora do pavimento da banda central da rúa, valorada en case 50.000 euros.

A proposta da Mesa de Contratación pasará á Xunta de Goberno local para a aprobación da adxudicación. O Concello prestende comezar as obras co inicio do mes de setembro porque así haberá unha coincidencia grande no tempo coa reurbanización da rúa Virxe do Camiño que está en marcha e deste xeito a veciñanza sofrerá menos tempo as molestias derivadas das obras.

A reurbanización da rúa Gorgullón -rúa que forma parte do tramo urbano do Camiño Portugués a Santiago- redundará na mellora do desenvolvemento sostible da zona.

Ademais, contribúe a acadar os obxectivos previstos no Programa Operativo de crecemento sostible FEDER 2014-2020 e os obxectivos da Estratexia EDUSI Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Craves do proxecto de reforma da rúa O Gorgullon:

  • Plataforma única co tránsito restrinxido á veciñanza e o comercio, sen estacionamentos como nas rúas Michelena ou Peregrina
  • Inverterase o sentido de circulación -pasará a ser sur-norte-; dúas vías transversais quedan en dirección a Eduardo Pondal -Moa e Travesía Eduardo Pondal- e peonalizarase a rúa do Muíño que salvará a pendente con escaleiras
  • O Camiño de Santiago quedará sinalado cunha cor e pavimento diferenciados entre calzada e beirarrúas e luces led no chan semellantes ao centro histórico.
  • Renovarase a iluminación con farolas led e redistribuiranse os puntos de alumeado.
  • Vaise a aproveitar a obra para mellorar e incorporar novos servizos. Está previsto ampliar a rede de auga potábel, completar o separativo de augas pluviais e fecais e instalar unha rede eléctrica novas.