Adxudicada a UTE Imesapi-E.C.Casas e a Setga a remodelación e iluminación da ponte do Burgo

  • A constructora presentou un orzamento de 1,3 millóns de euros con melloras no entronque da Santiña ou a limpeza da cabeceira sur.
  • Setga foi a gañadora da licitación da iluminación cunha oferta de 730.000 euros.
  • As obras poderán iniciarse a finais de ano ou a primeiros de xaneiro, e terán unha duración de 12 meses.
  • A obra estará financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra fixo esta mañá unha proposta de adxudicación das obras de remodelación da Ponte do Burgo, un proxecto que saíu a licitación en dous lotes: obra civil e iluminación. O portavoz do Goberno e concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González explicou esta mañá que co proxecto da Ponte do Burgo, que estará financiado polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), “estamos actuando no cerne da orixe da cidade. Queremos que quede ben porque ademais da simboloxía da Ponte do Burgo e de ser unha parte capital do Camiño de Santiago, supón a integración do barrio do Burgo na cidade, especialmente tendo en conta que as pontes tenden a separar os territorios”.

A proposta da Mesa de Contratación foi adxudicar á UTE Imesapi – E.C.Casas a obra civil por valor de 1.326.977 euros; e a Setga a iluminación por valor de 730.840 euros; en total, 2,057.817 euros. A licitación global era de 2.561.390,91 euros: a obra civil por valor de 1.700.598,75 euros e a iluminación por valor de 860.792,16 euros.

Ao respecto da obra civil, a UTE, que fixo unha baixa superior ao 20% do proxecto, inclúe melloras como a mellora da superficie de entronque coa rúa Santiña (valorada en 53.470 euros); o incremento da zona vexetal no ámbito da estación de servizo (valorado en 53.000 euros) e a limpeza da cabeceira sur da ponte.

O prazo de execución da obra civil é de 12 meses.

A reforma da ponte

A actuación na ponte do Burgo e na súa contorna permitirá acondicionar un novo espazo público de referencia na cidade, ademais de tratar a ponte como o que é: un monumento central da historia de Pontevedra. Seguirá as directrices do modelo Pontevedra: preferencia peonil, calidade construtiva, calidade de vida e recuperación e posta en valor do patrimonio.

A obra divídese en tres ámbitos de actuación:

Ponte do Burgo: O taboleiro da ponte será unha plataforma única de lousas de pedra para continuar a vía peonil de 11 metros de ancho (de lado a lado da ponte) cunha iluminación rasante seguindo o Camiño de Santiago e outra na nova varanda lateral que tamén será rasante.

Entronque coa praza Valentín Garcia Escudeiro (cabeceira sur). Mudarase o paso de peóns co fin de darlle continuidade ao trazado peonil que vén da ponte, seguindo a traza histórica do Camiño.

Entronque co paseo Domingo Fontán e rúa Xoán Manuel Pintos (cabeceira norte). Este espazo vivirá unha total transformación, eliminarase a rotonda de tráfico rodado, para continuar o carril nos dous sentidos de circulación por ese punto unindo Xoán Manuel Pintos con Domingo Fontán. Crearase unha gran praza de máis de 4.000 metros cadrados con máis de 40 árbores, mobiliario, bancos, papeleiras. Continuará a plataforma única da Ponte do Burgo pero con lousas de granito.

A iluminación

A iluminación foi adxudicada á empresa Setga por valor de 730.840 euros (a licitación era de (860.792,16 euros), e introduciu como mellora a substitución dos farois do entronque do que será a futura praza na cabeira norte.

O proxecto da iluminación desenvolverase en tres fases: unha superficial rasante, con puntos azuis que marcarán o Camiño de Santiago; outra rasante embutida na varanda dirixida cara o taboleiro para que os peóns podan ver por onde pasan, e un terceira que dará luz aos arcos, polo exterior e interior.

O prazo de instalación da nova iluminación será de tres meses, pero con esta parte non se poderá iniciar até que a obra estea avanzada. É dicir, non se iniciará a iluminación até o final da obra civil. A intención do Goberno Local é que a obra poida estar totalmente rematada no prazo dun ano, dende o seu inicio.

A tramitación administrativa pasa, agora, por ser aprobada nunha próxima Xunta de Goberno Local e solicitar ás empresas gañadoras a documentación requirida para a sinatura do contrato; arredor dunhas tres semanas de tramitación, segundo adiantou esta mañá o concelleiro responsable de Contratación, Raimundo González.

Os prazos levan a un posible inicio da obra a finais do mes de decembro ou a primeiros de xaneiro. A data será negociada coa empresa tendo en conta que as construtoras soen parar a súa actividade na tempada de Nadal.

Fondos FEDER

O proxecto de posta en valor da Ponte do Burgo busca contribuír á conservación do patrimonio cultural da cidade, o que axudará a aumentar o seu valor estético e cultural ao facelo máis atractivo para os transeúntes, en especial para os peregrinos que pasan pola Ponte no seu camiño cara a Santiago de Compostela.

Coa descrición da operación poderanse acadar os seguinte resultados:

Mellora da calidade do espazo público nos barrios periféricos. Contribuirase á posta en valor da Ponte do Burgo, pois se mellora o pavimento, elimínase o paso de tráfico rodado e faise máis atractivo para os peóns con mellora da iluminación (que resaltará o valor monumental do mesmo) e coa colocación de arborado.

Mitigación de problemas de declive urbano e ambiental nos barrios periféricos.

Máis cohesión e vertebración social destes espazos territoriais.

Mellorar o estado de chans, recuperándoos para usos públicos amables co medio ambiente. A supresión do tráfico rodado axudará a eliminar a emisión de gases e ruídos do tráfico rodado que afecta á zona na actualidade, facendo máis amable para os peóns o paso por este espazo.

Polo tanto, a intervención redundará na mellora do desenvolvemento sostible da zona e a sustentabilidade futura da intervención queda garantida, e contribúe a acadar os obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020, e os obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).