As obras de reforma do Pavillón Multiusos comezan co traslado das dúas pistas e toda a súa actividade deportiva ao Recinto Feiral

  • Os traballos comezarán o mércores 22 de agosto e estenderanse até final de ano aínda que os novos campos de xogo estarán en uso na primeira quincena de Novembro
  • Na instalación feiral habilitaranse tamén dous xogos de vestiarios e almacéns para atender as necesidades dos clubs e deportistas
  • A obra estará financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

A sinatura do acta de replanteo o próximo martes 21 de agosto abrirá a porta ás obras de reforma integral do Pavillón Multiusos da Xunqueira que comezarán ao día seguinte.

O inicio das obras obriga á reorganización da actividade deportiva que se ven desenvolvendo nesta instalación polo que os traballos comezarán co traslado de dúas pistas do Multiusos e a toda súa actividade ao Recinto Feiral, segundo anuncio hoxe o concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez. Ademais instalaranse no recinto dous xogos de vestiarios e almacéns provisionais para lle dar servizo aos clubs e deportistas que utilizan o Multiusos.

A Unión Temporal de Empresas (UTE) Prace-Constructora San Emeterio é a empresa encargada da reforma do Pavillón Municipal Multiusos da Xunqueira. Foille adxudicado o proxecto por 1.947.164 euros. Tratase do primeiro proxecto construtivo aprobado e adxudicado dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral (EDUSI) de Pontevedra.

Após del chegou a adxudicación da reforma do 1º andar do Mercado de Abastos e está na recta final do proceso de adxudicación a reurbanización do Gorgullón.

O plan de traballo previsto marca que as pistas polideportivas estean reinstaladas no Recinto Feiral nos primeiros días de setembro e que na primeira quincena de novembro xa estean construídas e en uso os novos campos de xogo do Multiusos, aínda que a obra de reforma integral no estará rematada até finais de ano.

Oito clubs utilizan de xeito habitual o Multiusos da Xunqueira, ademais do alumnado do IES A Xunqueira II que o utiliza como polideportivo. A todos eles o concelleiro Demetrio Gómez quixo agradecer publicamente a colaboración e as facilidades dadas para acadar entre todos un consenso para manter a continuidade da actividade deportiva. Os oito clubes utilizarán o Recinto Feiral para os seus adestramentos e partidos en tanto que o IES A Xunqueira II optou por axustar a súa clase de Educación Física ás posibilidades do centro educativo até que en novembro poda regresar ao Multiusos. Os clubes que traballan a cotío na instalación da Xunqueira son o Teucro, Cisne, Leis, Voleibol Pontevedra, Arxil, Estudantes Pontevedra e O Club de Baloncesto Pontevedra e os equipos da Liga Asfusa.

Gómez Xunqueira tamén puxo en valor o traballo “de filigrana” feito de xeito coordinado polo persoal das distintas concellerías implicadas: Obras, Deportes, Promoción Económica, Cultura e Festas.

As obras de reforma integral do Multiusos obrigará tamén a construír uns vestiarios provisionais ao lado do campo de fútbol para lle dar servizos aos numerosos deportistas que diariamente practican o balompé.

Fondos FEDER

A reforma do Pavillón Multiusos da Xunqueira é una intervención redundará na mellora do desenvolvemento sostible da zona e a sustentabilidade futura da intervención queda garantida, e contribúe a acadar os obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020, e os obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).