Comezan as obras de transformación da rúa Gorgullón, a entrada na cidade do Camiño de Santiago

    • A obra estará financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)
    • Os traballos comezaron polo entronque con Eduardo Pondal onde está a principal complicación do proxecto, facer un aliviadeiro da tubaxe de fecais que une coa praza de Galiza, cara o colector do Gafos

Esta mañá comezaron as obras de renovación integral da rúa Gorgullón, a entrada na cidade do Camiño de Santiago. O alcalde e o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, visitaron estes primeiros traballos e mantuveron un encontro cos técnicos municipais e a empresa construtora E.C.Casas para coñecer como se vai desenvolver a obra.

Trátase dun proxecto que estará financiado polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través da estratexia EDUSI aprobada no Concello de Pontevedra, no que tamén se inclúe unha segunda obra vinculada ao Camiño de Santiago: a reforma integral da Ponte do Burgo.

O alcalde lembrou que “é unha obra necesaria porque é unha rúa que está fóra do modelo de calidade que queremos pór en toda a cidade, por onde entran 80.000 peregrimos ao ano”, tamén lle indicou á empresa que teñan conta das demandas dos veciños, especialmente no tocante á circulación na rúa cando estea en obras.

Os traballos comezaron polo entronque con Eduardo Pondal porque se trata da parte máis complicada do proxecto. Hai que achegarse á tubaxe de fecais, situada a 6 metros de profundidade, que levará un aliviadeiro, de tal modo que no caso de que nalgún momento entre en carga a tubería que pasa pola avenida de Galicia, poderá ter saída polo Gorgullón cara o novo colector do Gafos, que ten capacidade para recoller esas fecais.

O proxecto da reforma do Gorgullón inclúe:

    • Plataforma única co tránsito restrinxido á veciñanza e o comercio, sen estacionamentos como nas rúas Michelena ou Peregrina
    • Invértese o sentido de circulación -pasará a ser sur-norte-; dúas vías transversais quedan en dirección a Eduardo Pondal -Moa e Travesía Eduardo Pondal- e peonalízase a rúa do Muíño que salvará a pendente con escaleiras.
    • O Camiño de Santiago quedará sinalado cunha cor e pavimento diferenciados entre calzada e beirarrúas e luces led no chan semellantes ao centro histórico.
    • Renovarase o alumeado con farolas led e redistribuiranse os puntos de alumeado.
    • Aproveitarase a obra para mellorar e incorporar novos servizos. Está previsto ampliar a rede de auga potábel, completar o separativo de augas pluviais e fecais e instalar unha rede eléctrica novas.

Entre os elementos singulares do proxecto están:

    • Crear unha pantalla vexetal con pereiras de flor -Pyrus Celleriana- para agachar as traseiras dos edificios e gañar en calidade urbana. O arborado complétase con Gyngko bilobas na praza da entrada.
    • Rúa do Muíño. Quedará completamente peonalizada. Para salvar a pendente converterase nunha escalinata atravesada por unha rampla para garantir a accesibilidade.
    • Praza en Eduardo Pondal. Nova zona de estancia con arborado (Gyngkos), mobiliario e novo pavimento. Substitúese o muro actual contra O Gorgullón por bancadas.
    • Praza na cabeceira da avenida da Estación. Cambiará o entronque coa avenida da Estación que deixa de ser perpendicular para mellorar a accesibilidade e co fin de mellorar tamén a conexión coa senda do Gafos.

A obra está executada pola empresa E.C.Casas cun orzamento de 1.258.629,17 euros e un prazo de execución de 8 meses. Entre as melloras presentadas pola empresa está a substitución do firme de asfalto por un lastro de 50×50 que aguantará o tránsito de vehículos, aínda que a rúa quedará de preferencia peonil.

Esta obra únese á xa iniciada da Virxe do Camiño, e a próxima reforma da Ponte do Burgo que se atopa en fase de contratación, estudando os proxectos por parte dos técnicos municipais.

Fondos FEDER

A intervención redundará na mellora do desenvolvemento sostible da zona e a sustentabilidade futura da intervención queda garantida, e contribúe a acadar os obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020, e os obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).