O Concello acepta a cesión do Monte da Tomba para executar un parque forestal en Campañó

  • É unha actuación cofinanciada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) de cara ao vindeiro ano

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a aceptación da cesión do Monte da Tomba que realiza a Comunidade de Montes de Campañó para que o Concello poida executar un parque forestal periurbano e dotar á veciñanza dunha instalación axeitada para o desenvolvemento cívico e de lecer. A superficie cedida é de 83,10 hectáreas.

A cesión de uso público terá unha duración de 30 anos, e poderá rescindirse ou prorrogarse por outros 30 por acordo das dúas partes, sempre que a superficie cedida continúe dedicada a fins de interese xeral dos veciños.

Nestes terreos, o Concello pretende realizar un parque de lecer e cívico por 441.754,54 euros, contía que xa figura nos orzamentos de 2018. O proxecto estará financiado con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O proxecto pretende:

    • A recuperación ambiental e patrimonial de espazos naturais evitando a proliferación de especies invasoras aumentando a porcentaxe de especies forestais de frondosas autóctonas que dean maior valor ecolóxico á zona de intervención.
    • Incremento do número de visitantes atraídos polo patrimonio local. As actuacións permitirán unha maior afluencia de visitantes ao incluír no proxecto, entre outras, a creación de carreiros polos que transitar.
    • Aumento dos espazos naturais orientados ao goce da cidadanía e os visitantes.
    • Incremento da oferta de espazos para a realización de actividades deportivas ao aire libre.

En definitiva, esta operación fomenta a creación dun espazo natural orientado ao esparexemento, contribuíndo á integración social de todos os colectivos cidadáns, así como a igualdade de oportunidades e a igualdade de xénero, polo tanto, será un espazo que fomentará a cohesión social, e contribúe a acadar os obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020, e os obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).