O Concello ten en marcha máis de 5 millóns de euros en obras dos fondos FEDER

  • Onte adxudicouse a reforma da Ponte do Burgo por 2 millóns de euros.
  • Están en execución: a reforma do Gorgullón, a do Pavillón Multiusos e a do segundo andar do Mercado.
  • Xa se traballa na segunda anualidade na que entrarán proxectos como a centralidade de Tomeza, o parque forestal da Tomba ou a reforma do edificio de Santa Clara.

O Concello de Pontevedra ten en marcha actuacións no ámbito urbano de máis de 5 millóns de euros da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado “+ Modelo Pontevedra”, financiada polo Programa Operativo Plurirrexional de España, adscrito aos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) 2014-2020 da UE.

A concelleira responsable da xestión destes fondos, Carme da Silva, anunciou esta mañá adxudicación definitiva da reforma da Ponte do Burgo a través da celebración dunha Xunta de Goberno Local extraordinaria. O proxecto permitirá recuperar o nacemento da cidade e dignificalo tal e como merece. Tamén destacou a importancia da obra de reforma do Pavillón Multiusos xa que supuxo un traballo inxente por parte do servizo de Deportes e dos clubes ao ter que recolocar a todas as escolas deportivas que se desenvolvían nesta instalación municipal.

Ponte do Burgo

A reforma da Ponte do Burgo foi adxudicada á UTE Imesapi – E.C.Casas a obra civil por valor de 1.326.977 euros; e a Setga a iluminación por valor de 730.840 euros; en total, 2.057.817 euros. A licitación global era de 2.561.390,91 euros: a obra civil por valor de 1.700.598,75 euros (o prazo de execución da obra civil é de 12 meses); e a iluminación por valor de 860.792,16 euros. O prazo de instalación da nova iluminación será de tres meses, pero con esta parte non se poderá iniciar até que a obra civil estea avanzada.

O proxecto de reforma da Ponte (a obra civil):

A obra divídese en tres ámbitos de actuación:

    • Ponte do Burgo: O taboleiro da ponte será unha plataforma única de lousas de pedra para continuar a vía peonil de 11 metros de ancho (de lado a lado da ponte) cunha iluminación rasante seguindo o Camiño de Santiago, e outra na nova varanda lateral que tamén será rasante.
    • Entronque coa praza Valentín Garcia Escudeiro (cabeceira sur). Mudarase o paso de peóns co fin de darlle continuidade ao trazado peonil que vén da ponte, seguindo a traza histórica do Camiño.
    • Entronque co paseo Domingo Fontán e rúa Xoán Manuel Pintos (cabeceira norte). Este espazo vivirá unha total transformación, eliminarase a rotonda de tráfico rodado, para continuar o carril nos dous sentidos de circulación unindo Xoán Manuel Pintos con Domingo Fontán. Crearase unha gran praza de máis de 4.000 metros cadrados con máis de 40 árbores, mobiliario, bancos, papeleiras. Continuará a plataforma única da Ponte do Burgo pero con lousas de granito.

A iluminación da Ponte do Burgo:

O proxecto da iluminación desenvolverase en tres fases: unha superficial rasante, con puntos azuis que marcarán o Camiño de Santiago; outra rasante embutida na varanda dirixida cara o taboleiro para que os peóns podan ver por onde pasan; e un terceira que dará luz aos arcos polo exterior e interior.

Outros proxectos:

    • Gorgullón
      • A obra está sendo executada pola empresa E.C.Casas dende primeiros de outubro cun orzamento de 1.258.629,17 euros e un prazo de execución de 8 meses.
      • Proxecto:
        • Plataforma única co tránsito restrinxido á veciñanza e o comercio, sen estacionamentos como nas rúas Michelena ou Peregrina
        • Invértese o sentido de circulación -pasará a ser sur-norte-; dúas vías transversais quedan en dirección a Eduardo Pondal -Moa e Travesía Eduardo Pondal- e peonalízase a rúa do Muíño que salvará a pendente con escaleiras.
        • O Camiño de Santiago quedará sinalado cunha cor e pavimento diferenciados entre calzada e beirarrúas e luces led no chan semellantes ao centro histórico.
        • Renovarase o alumeado con farolas led e redistribuiranse os puntos de alumeado.
        • Aproveitarase a obra para mellorar e incorporar novos servizos. Está previsto ampliar a rede de auga potábel, completar o separativo de augas pluviais e fecais e instalar unha rede eléctrica novas.
        • Crear unha pantalla vexetal con pereiras de flor -Pyrus Celleriana- para agachar as traseiras dos edificios e gañar en calidade urbana. O arborado complétase con Gyngko bilobas na praza da entrada.
        • Rúa do Muíño. Quedará completamente peonalizada. Para salvar a pendente converterase nunha escalinata atravesada por unha rampla para garantir a accesibilidade.
        • Praza en Eduardo Pondal. Nova zona de estancia con arborado (Gyngkos), mobiliario e novo pavimento. Substitúese o muro actual contra O Gorgullón por bancadas.
        • Praza na cabeceira da avenida da Estación. Cambiará o entronque coa avenida da Estación que deixa de ser perpendicular para mellorar a accesibilidade e co fin de mellorar tamén a conexión coa senda do Gafos.
    • Mercado de abastos (primeiro andar)
      • Execución da obra e acondicionamento do primeiro andar do mercado de abastos está sendo executada pola empresa pontevedresa Acevi por 218.682,22 euros. O prazo de execución será de dous meses.
      • A reforma pretende acondicionar a planta superior para novos usos diferentes aos habituais, para ofrecer novas ofertas de produtos, mantendo a morfoloxía e distribución, mellorando a imaxe e a estética, e co propósito de dinamizar o Mercado de Abastos e mais tamén axudar á rexeneración económica do centro histórico de Pontevedra.
    • Multiusos
      • A Unión Temporal de Empresas (UTE) Prace-Constructora San Emeterio é a empresa encargada da reforma do Pavillón Municipal Multiusos da Xunqueira. Foille adxudicado por 1.947.164 euros.
      • O proxecto contempla conservar só a estrutura do edificio e derrubar o demais. Comezando pola cuberta, refarase totalmente con illante térmico até o de agora inexistente e impermeabilízase dando solución aos problemas actuais de humidade. Só se manterá a grava actual sobre a cuberta.
      • Sobre o illamento térmico da instalación, lógrase cunha nova carpintería metálica e novo acristalamento específico para acadar ese illamento.
      • Instalaranse todos os servizos novos: electricidade, alumeado Led que permitirá poder practicar deportes nas dúas pistas de forma independente, fontanería, mellora do sistema antiincendios…
      • Tamén se renova todo o sistema de calor con novas caldeiras, sistema de quecemento de auga con placas solares, sistema de auga quente sanitaria, e sistema de auga fría.
      • Farase unha mellora integral da accesibilidade, eliminando as barreiras do edificio, instalando un novo ascensor, e construíndo aseos adaptados para o público, dos que agora carecen.
      • No tocante ás instalacións deportivas, está prevista a redistribución dos vestiarios de xeito máis racional e equilibrado, con novo mobiliario e equipamento interior. Tamén serán novas as pistas deportivas, xa que se retirará a actual soleira de formigón, instalarase unha nova, sobre a que se montará a nova superficie de xogo. Tamén disporá de novo mobiliario como banquiños e mesas de control, canastras de baloncesto e bancadas con cortina elevábel.
    • Xincana
      • Feita e aprobada en decembro 2017. Esta actuación tivo un custe de 17.472,40 euros.
      • A xincana propón descubrir todo o patrimonio artístico e natural da Illa, pero tamén dá conta de fitos ou eventos que se suceden neste espazo da cidade como, por exemplo, ser o punto de adestramento do campión do mundo de Triatlón, Javier Gómez Noya, que aparece nos vídeos interactuando cos tres protagonistas. O método para ir desenvolvendo a xincana son códigos QR en distintos espazos que permitirán a descarga de oito vídeos, onde os rapaces e os seus pais poderán ir avanzando da man de Uxía, Brais e a cadela Ponte.
    • Admnistración eléctronica
      • Adxudicación a Econocom Servizos S.A. por 47.483,29 euros.
      • Trátase da compra de tres novos servidores e dous conmutadores de fibra para substituír tres servidores que teñen máis de 6 anos, e se precisa que dispoñan de máis capacidade.
      • Estes novos equipamentos dixitais permitirán mellorar as prestacións dos equipos informáticos municipais, facilitando o labor diario dos traballadores públicos e, polo tanto, a atención aos veciños en termos de fiabilidade e rapidez.
    • Contratación dunha asistencia técnica para a xestión e promoción dos fondos FEDER.
      • A gañadora foi a empresa EOSA por 39.500 euros/ano e por un período de 2 anos.

Proxectos en carteira:

    • Reforma de Santa Clara: Redeira
    • Parque forestal da Tomba
    • Centralidade parroquia de Tomeza

Fondos FEDER

Pontevedra está a desenvolver a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado “+ Modelo Pontevedra”, cun investimento de 10 millóns de euros procedentes do Programa Operativo Plurirrexional de España, adscrito aos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) 2014-2020 da UE.

Continuará nestes anos, e dentro do horizonte 2020 Europeo, coa materialización da Estratexia “+ Modelo Pontevedra”.