A piques de rematar a obra de colocación da pasarela entre Rosalía de Castro e a Tablada xunto coa renovación do espazo ao carón do Gafos

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou o lugar a falta duns poucos detalles para a finalización do proxecto, como a semente de céspede e das distintas arbores.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o edil de servizos urbánicos básicos, Xaquín Moreda, achegáronse este mércores, 31 de xaneiro, até a rúa Rosalía de Castro para comprobar os últimos traballos na colocación da pasarela sobre o río Gafos, ademais da reforma da zona de unión coa Tablada.

«Con esta obra lógrase a recuperación dunha pobra que estaba certamente illada dos cidadáns, sen un acceso público doado e que agora quedará como unha zona de estancia para a veciñanza do lugar», indicou Lores. «É unha mellora ambiental que conta con novo mobiliario urbano, que recupera o arco sobre o río Gafos que agora si se ve tralo cambio de pasarela e creo que quedará moi ben».

A obra finalizará como tal nos vindeiros días, a falta duns pequenos detalles como a semente de céspede e de distintas árbores na zona. «Coido que cando se abra será un espazo a utilizar polos veciños e veciñas desta zona. Agardamos que isto se faga canto antes, nunha semana ou en dez días», finalizou o rexedor.

O proxecto foi adxudicado no seu día á empresa Covsa por 495.866 euros e está financiado por fondos europeos FEDER dentro da Estratexia DUSI Máis Pontevedra.