PROGRAMACIÓN

Estratexia Urbana Máis Modelo Pontevedra

A Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentable e Integrado (EDUSI) “Máis Modelo Urbano Pontevedra” ten como reto principal afondar no modelo de transformación urbana de Pontevedra centrado nas persoas, continuando, reforzando e adaptándoo este modelo non só no centro urbano, senón tamén en espazos urbanos do bordo e a coroa periférica urbana que rodea a cidade compacta, espazos nos que existen déficits sociais, de calidade urbana, de sustentabilidade e funcionais.

A Estratexia Máis Modelo Urbano Pontevedra quere potenciar e estender o modelo a través dos seguintes principios xerais:

  • Extensión e adaptación do modelo de transformación urbano centrado nas persoas, coa súa extensión aos barrios periféricos e á coroa periférica de media densidade que rodea a cidade compacta, para conseguir unha urbe mellor conectada co seu contorno periurbano e lograr espazos máis amables, cómodos, seguros, accesibles e de alta calidade urbana que respondan aos estándares alcanzados na zona máis central da cidade.
  • Compromiso co patrimonio natural e cultural e o cambio climático, a través de actuacións que permitan mellorar o comportamento ambiental de Pontevedra e gañar novos espazos naturais e patrimoniais para as persoas visitantes e a cidadanía, para que melloren a súa calidade de vida e contribúan a unha mellor conectividade da cidade compacta co seu continuo urbano periférico.
  • Cohesión económica e social para superar as diferenzas sociais e funcionais, e lograr así un municipio máis dinámico economicamente a partir de iniciativas e proxectos de desenvolvemento económico e empresarial que poñan en valor recursos endóxenos locais e que aproveiten as sinerxías que xera o modelo de cidade. Todo iso desde unha perspectiva de igualdade, de participación e de cohesión, e que facilita a autonomía das persoas.