Os consellos parroquiais difundirán o traballo de campo do proxecto de transporte a demanda

  • Representantes de todas as parroquias do Concello participaron nunha asamblea para coñecer polo miúdo o proxecto de transporte a demanda e comprometéronse a promover a participación activa na recollida de información previa
  • Este proxecto está financiado nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

Pontevedra, 25 de maio de 2021. O concelleiro de Obras Urbanas e Transporte, Demetrio Gómez, acompañado polos concelleiros Alberto Oubiña e Pilar Comesaña, mantivo na tarde de onte unha asamblea cos representantes parroquiais de todo o concello, co proxecto de transporte a demanda como punto do día.

Tratábase de poñer en común este proxecto de transporte público que conectará as parroquias e os barrios coa cidade, para que a veciñanza coñeza en que consiste e participe no seu deseño a través do traballo de campo. A idea fundamental é que, a través de enquisas e información previa proporcionada pola veciñanza, se deseñe un sistema que funcione nas mellores condicións posibles para os futuros e futuras usuarias.
Demetrio Gómez asegurou que a asamblea se desenvolveu “nun ambiente moi bo” e que “todas as propostas foron construtivas”. Así, as intervencións dos representantes parroquias centráronse en cuestións como o propio funcionamento do transporte a demanda, o prezo do servizo, os horarios, os destinos e puntos de recollida ou o tipo de persoas usuarias que o poderán utilizar.

Por parte do Concello, informouse da necesidade de colaboración por parte da veciñanza co resultado de que todos os presentes se  comprometeron a difundir o traballo de campo para promover a participación activa nas enquisas e na recollida de información previa.

Convén lembrar que o traballo de campo inclúe realizar 1.000 enquisas telefónicas a persoas que viven nas parroquias, co obxecto de coñecer o parecer do 5% dos habitantes das parroquias (arredor do 20% das vivendas do rural), con preguntas relativas a motivo das viaxes, horarios, medios de desprazamento…

Tamén está previsto que se fagan enquisas en puntos “tractores” da mobilidade que serán o centro de saúde de Lérez, o centro de saúde da Parda, a Casa do Mar, o Concello, a estación de autobuses e a sede administrativa da Xunta en Campolongo. O cuestionario será similar aos anteriores: destino/orixe da viaxe, motivos, medios de transporte…

Este estudo está coordinado pola UTE MCRIT S.L. Seteoitavas Sociedade Cooperativa Galega, adxudicataria do estudo de explotación do transporte a demanda, e inclúe outras accións encamiñadas a analizar a mobilidade entre a cidade e as parroquias, como a ocupación nos aparcadoiros de bordo, o aforamento da cidade, ou enquisas a condutores no centro urbano.

Fondos FEDER

Os estudos e as aplicacións dixitais do transporte a demanda están sendo desenvolvidas ao amparo da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) Máis modelo, Pontevedra, financiada polo Programa operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020.
O estudo e proposta de explotación do transporte a demanda foi adxudicada á UTE  MCRIT S.L – Seteoitavas Sociedade Cooperativa Galega por 76.683,75 euros, e cunhas melloras de 37.500 euros.

Entidades participantes na asamblea:

AAVV PONTEMUIÑOS LOURIZÁN
AAVV CABANAS SALCEDO
SOCIEDAD DEPORTIVA SALCEDOAAVV O CRABADOIRO STO. ANDRÉ
COMUNIDADE MONTES LOURIZÁN
AAVV A DEVESA ALBA
COMUNIDADE MONTES STA. MARÍA
COMUNIDADE MONTES TOMEZA
A.R. XEVE STO. ANDRÉ
AAVV ESTRICERES LOURIZÁN
COMUNIDADE MONTES MARCÓN
A.C. O MAIS ALTO DE MARCÓN MARCÓN
AAVV BORA BORA
XUNTA DE MONTES CAMPAÑÓ
COM. AUGAS VALLADARES MARCÓN
AAVV O CHEDEIRO CERPONZÓNS
AAVV. O PILAR CAMPAÑÓ
AAVV. SAN BIEITO LÉREZ
AAVV. OS CAMPOS MOURENTE
AAVV OUTEIRO DO MONTE VERDUCIDO
A.C. SONDEXEVE STA. MARÍA
AAVV SAN ANDRÉS LOURIZÁN
COMUNIDADE MONTES CERPONZÓNS
AAVV O CASTRO MOURENTE
AAVV SANTA MARÍA PONTE SAMPAIO
AAVV HEROES CAMPO DA PORTA SALCEDO
A.C. AMARINDA MOURENTE
A.C.CHAN DO MONTE CERPONZÓNS
COMUNIDADE MONTES LÉREZ
COMUNIDADE MONTES MOURENTE
AAVV COORDINADORA BORA
COM. AUGAS FONTÁNS STA. MARÍA
COMUNIDADE MONTES SALCEDO
A.C. POUSOS DA AREA LOURIZÁN
A.C. CEDOFEITA LÉREZ
A.C. SAN CIBRÁN TOMEZA
XUNTA DE MONTES CAMPAÑÓ
COM. AUGAS A HERMIDA MARCÓN