Os novos usos da praza de abastos obrigan a adecuar o regulamento do mercado

  • Ábrese a porta para que os usuarios do primeiro andar asuman o custe da limpeza e atención das mesas que alí se instalen
  • O Concello traballo no borrador do prego de condicións para as novas concesións
  • As obras de reforma do mercado comezarán en setembro e están financiadas nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

O Concello dá un novo paso cara a reforma e acondicionamento do primeiro andar do mercado para novos usos e de implementación deste equipamento municipal como elemento dinamizador do centro histórico e creador de sinerxías coa cidade. A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías informou que a Xunta de Goberno local vén de aprobar unha modificación do novo regulamento dos mercados municipais que afecta á limpeza.

Os espazos do primeiro andar, lembrou a concelleira, van a estar destinados a usos alternativos (gastronomía, venda de produtos ecolóxicos, …) e á realización de actividades específicas programadas polo Concello (showcookings, concertos, receitarios, exposicións e conferencias de cociña, actividades ligadas coa gastronomía e o lecer…) e cando non haxa programación, colocarase mobiliario para que a xente poida sentarse e gozar da oferta dos postos.

“A planta primeira vai ter unha actividade moi diferenciada da de abaixo e necesitabamos cubrir algún baleiro que había no regulamento, refírome á limpeza, sinalou Anabel Gulías quen explicou que até agora a competencia era única e exclusiva do Concello pero entendemos que a limpeza da parte de arriba vai a ter un custe superior pola especifidade das actividades que alí se van a desenvolver polo que tivemos que modificar o art.5, apto 2 do regulamento do mercado”.

Con carácter xeral a limpeza farase de forma centralizada dende o Concello mais “para as actividades do 1º andar, o Concello poderá atribuír aos concesionarios dos postos desta planta a asunción da limpeza e a atencións nas mesas. A estimación que fai ao Concello e que estamos a falar dun custe -aproximado e tirando polo alto- de 250-300 euros ao mes. Antes de facer esta modificación tiven unha reunión cos usuarios de arriba (dous bares e produtos ecolóxicos)”. Anabel Gulías agarda que o renovado mercado de abastos estea a pleno rendemento a finais do ano, pechándose unha etapa de dinamización do equipamento municipal que amosou que a praza está viva e ten futuro e que inclúe experiencias como Sétima Feira, O Ganapán, campañas de promoción de produtos de proximidade, etc.

O Concello está traballando tamén no borrador dos pregos para a concesión dos postos do 1º andar. “Unha vez que temos os Fondos FEDER concedidos á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral (EDUSI) desbloqueados, o proxecto feito; o traslado rematado, a lonxa baixada e o regulamento en vías de solventarse… empeza o traballo da redacción definitiva das cláusulas do prego de concesión” enumerou a concelleira de Promoción Económica.

Estes pregos incluirán a fórmula da “autorización” anual de uso do posto até un máximo de 4 anos, ademais da concesión.

Estes pasos máis administrativos descorren paralelos á obra de reforma do 1ª andar, proxecto adxudicado á empresa Acevi por 218.682,22 euros. Os traballos comezarán en setembro e teñen un prazo de execución de dous meses.

Fondos FEDER

A actuación no Mercado de abastos redundará na mellora do desenvolvemento sostible da zona e a sustentabilidade futura da intervención queda garantida, e contribúe a acadar os obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020, e os obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).