A Ponte do Burgo abrirá ao paso peonil o próximo venres

  • O enlousado de pedra do taboleiro está moi avanzado de modo que a apertura se poderá facer cara final de semana
  • A obra estará cofinanciada por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

O Concelleiro de Obras, Demetrio Gómez anunciou esta mañá a apertura da Ponte do Burgo para o vindeiro venres, 20 de setembro. A ponte permanece pechada dende o pasado mes de xullo para avanzar na colocación do lousado de pedra, creando unha plataforma única de 11 metros de ancho.

Demetrio Gómez anunciou esta mañá esta apertura con todas as reservas dado que ao tratarse de obras “sempre pode aparecer un atranco”, pero tamén confirmou que a colocación do enlousado vai a moi bo ritmo e será posible esta apertura. O peche, inicialmente, estaba confirmado até mediados do mes de outubro.

Non se poderá abrir todo o taboleiro da ponte, dado que aínda están os varanda sen poñer, pero está previsto abrir un camiño de valados polo medio, duns dous metros de ancho para facilitar o acceso entre as dúas beiras do Lérez.

O concelleiro agradeceu o labor realizado polos técnicos municipais, a empresa adxudicataria e, especialmente aos usuarios da ponte, en concreto, aos veciños do Burgo polos inconvenientes que viviron durante todo este tempo, pero que permitirá rematar a ponte no prazo previsto, no mes de febreiro.

A peonalización da Ponte do Burgo está incluída dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral (EDUSI) Máis Modelo Pontevedra, financiada con 10 millóns de euros polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa Operativo de Crecemento Sostible 2014-2020. Esta reforma entra dentro da liña de traballo de mellora do Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade, e na que tamén se inclúe a reforma da rúa Gorgullón, practicamente rematada.