21 Xan A veciñanza de Tomeza, Marcón, Salcedo e Ponte Sampaio participará nas probas do ‘Coche de punto’
O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, acompañado do coordinador do rural, Alberto Oubiña, mantivo este xoves pola tarde unha reunión con representantes veciñais de Tomeza, Marcón, Salcedo e Ponte Sampaio na Casa Verde de Salcedo, onde se porá en
marcha de xeito experimental o Coche de punto, o proxecto de transporte a demanda no que traballa o Concello de Pontevedra.
Demetrio Gómez explicoulles que estas foron as catro parroquias escollidas para poñer en marcha a primeira proba do servizo, de modo experimental, co propósito de testar o funcionamento das aplicacións informáticas que xestionarán o futuro transporte a demanda.
Segundo explicou o concelleiro, os veciños acolleron de bo grao a proposta municipal e comprometéronse a indicar na vindeira semana a 20 persoas de cada parroquia que queiran colaborar nesta experiencia que comezará o vindeiro 31 de xaneiro e prolongarase durante todo o mes de febreiro.
O transporte a demanda de Pontevedra chamarase Coche de punto recuperando a denominación tradicional que se refire a un transporte que se colle nun espazo concreto e pode chegar até outros lugares sen seguir unha ruta concreta. Fronte a esta proposta está o coche de liña que segue un trazado regular.
Mentres se traballa nos informes de demanda e na base legal do novo transporte, o Concello xa dispón das aplicacións informáticas que xestionarán o futuro Coche de punto. Para testalo escolleranse a 80 veciños das parroquias de Tomeza, Marcón, Salcedo e Ponte Sampaio que terán que empregar o sistema, sen lle ofreceren explicacións del, co obxectivo de comprobar os puntos febles do sistema. Nesta fase de probas, os taxistas da cidade serán os que darán de alta a dez condutores no sistema, sendo a central de reservas a de Radio Taxi de Pontevedra.
As viaxes poderán facerse entre as 7 e as 14.30 horas, nesta fase. A aplicación xa está pensada, doutra banda, para planear a viaxe de ida máis tamén a de volta, conectando as parroquias coa cidade, sen que sexa obrigatorio facer o uso das dúas viaxes nin sequera manter o punto de volta fixo.
Nesta fase os puntos de destino estarán prefixados: Praza de Galiza, o Centro de Saúde Virxe Peregrina, a Casa do Mar, o Hospital Provincial, a Xunta de Campolongo, o Campus da Xunqueira, a estación de bus e tren e a Praza de Abastos. Fóra do ámbito urbano será o Hospital de Montecelo, o único desta clase nesta primeira proba.