Aprobada en Xunta de Goberno Local a nova ordenanza do taxi

Trátase dun paso fundamental para a posta en marcha do novo transporte a demanda promovido desde o Concello de Pontevedra baixo o nome de ‘Coche de Punto’

O alcalde e portavoz do Goberno, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora da mesma. Dentro dos asuntos tratados durante a mesma, figuraba a aprobación da nova ordenanza do taxi (que deberá ser aprobada de xeito definitivo no pleno).

«A ordenanza estivo sometida á información pública, sendo admitidas a maior parte das alegacións recibidas», explicou o rexedor. «Esta ordenanza é fundamental para darlle cobertura ao Coche de Punto. Trátase dunha tramitación complexa pero a súa posta en marcha significará un paso adiante na mobilidade deste Concello».

O Coche de Punto trátase dun proxecto de mobilidade promovido desde o Concello de Pontevedra como un tipo de transporte a demanda que permitirá viaxes compartidas entre o centro da cidade e a veciñanza do rural.