Asfaltado dun carril da avenida da Estación logo de rematar a nova beirarrúa

  • Será mañá e pasado en horario de mañá e tarde. O tráfico estará pechado en sentido Josefina Arruti, pero quedará restablecido cando non se estea traballando
  • A obra estará cofinanciada por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

Continúan os traballos de reforma da rúa Gorgullón, proxecto cofinanciado por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través da Estratexia DUSI “Máis modelo Pontevedra” que inclúe a mellora do Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade, é dicir, as reformas da rúa Gorgullón e da Ponte do Burgo.

A pasada semana a empresa adxudicataria da obra rematou a beirarrúa da avenida da Estación (en sentido Eduardo Pondal e Josenifa Arruti) xa que era unha das melloras que se incluíra dentro do proxecto. Esta intervención consistiu na demolición da vella beirarrúa para crear unha nova co mesmo estilo ca reforma do Gorgullón e a praza creada na rotonda da avenida Josefina Arruti. Colocáronse lastros vermellos e grises e pechouse a beirarrúa cunha faixa de pedra. Tamén se deu máis altura ao valado de pedra da ponte sobre o Gafos engadíndolle unha nova tira de pedra de cantería, para que así cumpra a normativa actual.

Unha vez acabada a beirarrúa da avenida da Estación, mañá comezan os traballos de asfaltado do carril máis próximo a esta reforma, e concluirán o martes.

O plan de obra contempla que o fresado se fará na xornada de mañá e o asfaltado será o martes. Os horarios de peche serán de 08.30 a 13.30 horas e de 15.00 a 19.30 horas.

O plan de tráfico recolle que se pechará o sentido circulatorio dende Eduardo Pondal cara a rúa Josefina Arruti. A entrada á cidade non se verá afectada, e a saída dende Eduardo Pondal farase por Otero Pedraio cara o cruce do Marco.

Fora do horario de traballo a rúa queda totalmente aberta á circulación en ambos sentidos. Os condutores atoparán sinalización regulamentaria e informativa.

O proxecto do Gorgullón

A reforma do Gorgullón foi adxudicada á empresa E.C.Casas por 1.258.629,17 euros. O proxecto consiste en:

  • Creación de plataforma única con tránsito restrinxido a veciñanza.
  • Invértese o sentido de circulación (pendente de executar até o remate da obra); dúas vías transversais quedan en dirección a Eduardo Pondal -Moa e Travesía Eduardo Pondal- e peonalízase a rúa do Muíño que salvará a pendente con escaleiras.
  • O Camiño de Santiago queda sinalado cunha cor e pavimento diferenciados entre calzada e beirarrúas e luces led no chan semellantes ao centro histórico.
  • Renovouse o alumeado con farois led.
  • Ampliación da rede de auga potábel, completarase o separativo de augas pluviais e fecais e instalarase unha rede eléctrica novas.
  • Creación dunha pantalla vexetal con pereiras de flor -Pyrus Celleriana- para agachar as traseiras dos edificios e gañar en calidade urbana. O arborado complétase con Gyngko bilobas na praza da entrada.
  • Na nova praza do Gorgullón mellórase a accesibilidade e faise unha nova entrada á senda do Gafos.