15 Nov Comeza a demolición da pasarela de lousa que une Tablada e Rosalía de Castro no proxecto de mellora paisaxística do Gafos
A nova pasarela de metal formigónase mañá. Mentres se suceden estes traballos o paso permanece pechado ao tránsito peonil.
O proxecto está pendente da creación dunhas escaleiras de baixada ao río e a plantación de distintas especies para completar a intervención paisaxística.
A obra de mellora paisaxística do río do Gafos ao paso pola rúa Tablada continúa adiante. Nesta semana comezaron os traballos de demolición da antiga pasarela peonil de lousa que conecta con Rosalía de Castro para continuar avanzando no proxecto, mentres se está á espera do formigonado da nova que comezará mañá.
O concelleiro de Parques e xardíns, Xaquín Moreda continúa a facer seguindo dos traballos que se atopan nunha momento crucial. A día de hoxe está pechado o paso peonil entre Tablada e Rosalía de Castro porque estase a levantar todo o enlousado para a posterior retirada da pasarela. Segundo o plan de obra, a retirada da pasarela farase o vindeiro luns.
Ao mesmo tempo, está previsto que mañá comece o formigonado do paso metálico xa instalado, que non se poderá abrir ao tránsito peonil até que estea totalmente fraguado.
O Concello agradece a colaboración da veciñanza coa obra especialmente nestes días xa que non se poderá pasar cara a rúa Rosalía de Castro, e á inversa, ao toparse o paso pechado. Terá que facerse por Gagos de Mendoza, por ser a conexión máis próxima.
O proxecto afronta a parte final pendente da instalación dunha escaleira que baixe cara o río, precisamente no lugar que agora ocupa a pasarela peonil que se vai demoler e a plantación de distintas especies.
Na intervención paisaxística do Gafos prevíase a instalación da nova pasarela e a demolición da actual, a creación de muros de contención para asegurar os noiros dos edificios, a mellora da canle do río, e a creación de zonas verdes en forma de bancais para poder chegar directamente ao río. Tamén incluíu a retirada de tanques de gas de subministro ás vivendas (situados en espazo público) para gañar espazo verde na zona.
O proxecto foi adxudicado á empresa Covsa por 495.866 euros e está financiado polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) que achega o 80% dos proxectos incluídos dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano e Sostible (EDUSI) Máis modelo, Pontevedra.