Comeza a plantación de pereiras de flor na rúa Gorgullón

  • O proxecto afronta as últimas semanas xa que ten que estar certificado cara finais de outubro.
  • A obra estará financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

A obra de reforma da rúa Gorgullón enfila as súas últimas semanas de traballos para poder estar rematada a finais do mes de outubro, tal e como esixe a planificación de obra e o proxecto financiado polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Onte mesmo comezan as primeiras plantacións da pantalla vexetal que terá a rúa. Son pereiras de flor (pyrus celleriana) en toda a rúa, para tapar as traseiras dos edificios (os peches dos estacionamentos que non as súas entradas) e gañar en calidade visual da rúa.

A plantación continuará na xornada de hoxe, e rematará nos próximos días coa plantación do arborado na nova praza de entrada ao Gorgullón dende a avenida da Estación. Neste punto a especie escollida é a gyngko biloba.

Nestes días a empresa adxudicataria da obra, E.C.Casas está a rematar a beirarrúa da avenida da Estación (entre Gorgullón e a rotonda de Josefina Arruti), incluída como mellora da obra pola adxudicataria e que pretende manter a uniformidade de estilo entre a nova praza do Gorgullón e a zona de estancia próxima á rotonda de Josefina Arruti. O custe desta actuación é de 90.000 euros.

A obra de reforma da rúa Gorgullón está financiada polos Fondos europeos (FEDER) concedidos á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral (EDUSI) Máis modelo Pontevedra presentada polo Concello de Pontevedra, e concedida no ano 2016 (aínda que a confirmación económica non se resolveu até 2018). Estes fondos teñen unha contía xeral de 10 millóns de euros que se investiron (e se van investir) en distintos proxectos como unha xincana infantil pola Illa do Cobo, a creación do gastroespazo do Mercado de Abastos, a reforma do Pavillón Multiusos, a reforma da Ponte do Burgo ou da rúa Gorgullón, estes dous na actualidade en marcha.

A reforma do Gorgullón está pensada para a mellora do Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade -ao igual que a Ponte do Burgo- que foi adxudicada á empresa E.C.Casas por 1.258.629,17 euros.

A reforma do Gorgullón

    • A remodelación da rúa Gorgullón consistiu en:
    • Creación de plataforma única con tránsito restrinxido a veciñanza.
    • Invértese o sentido de circulación (pendente de executar até o remate da obra); dúas vías transversais quedan en dirección a Eduardo Pondal -Moa e Travesía Eduardo Pondal- e peonalízase a rúa do Muíño que salvará a pendente con escaleiras.
    • O Camiño de Santiago queda sinalado cunha cor e pavimento diferenciados entre calzada e beirarrúas e luces led no chan semellantes ao centro histórico.
    • Renovouse o alumeado con farois led.
    • Ampliación da rede de auga potábel, completarase o separativo de augas pluviais e fecais e instalarase unha rede eléctrica novas.
    • Creación dunha pantalla vexetal con pereiras de flor -Pyrus Celleriana- para agachar as traseiras dos edificios e gañar en calidade urbana. O arborado complétase con Gyngko bilobas na praza da entrada.
    • Rúa do Muíño. Quedará completamente peonalizada.
    • Na nova praza do Gorgullón mellórase a accesibilidade e faise unha nova entrada á senda do Gafos.