Comezan as obras do núcleo de centralidade parroquial de Tomeza

  • Estes traballos teñen un orzamento de 466.464,47 euros e e un prazo de execución de 5 meses
  • A obra está financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

Esta semana veñen de dar comezo as obras para a conformación do núcleo de centralidade parroquial de Tomeza, coa mellora de distintas infraestruturas. O proxecto, que foi adxudicado á empresa Oresa S.L. por un orzamento de 466.464,47 euros e terá un prazo de execución de 5 meses, está incluído dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral “Máis modelo Pontevedra”, financiada cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea, e contempla tres tipos de actuacións:

  1. Parque e instalacións deportivas en Casal do Río. Esta actuación inclúe un reordenamento das pistas deportivas, coa creación dun grande espazo polideportivo, executado en asfalto e pintado, no que se instalarán porterías de fútbol e canastras de baloncesto. Na zona de recreo -a zona arborada-, mellorarase o espazo dedicado a merendeiro coa instalación de mesas, arborado rodeado de cortiza e chan tratado en xabre consolidado. No parque infantil prevese a colocación de area e renovarase o peche perimetral de toda a zona, así como a sinalización do estacionamento e da parada de autobús, limitando un espazo para aparcar o bus escolar. Por último, instalarase un punto de auga e unha nova iluminación con proxectores para as pistas de xogo e morróns baixos para a zona do merendeiro.
  2. Contorna da Casa de Cultura de Tomeza en Lusquiños: actuarase na entrada do edificio diferenciando dous pavimentos: un de entrada directa ao Centro cultural, e un segundo de pedra do país. Aproveitarase un desnivel do terreo para crear un banco corrido, que estará conectado coa parte baixa da parcela a través de escaleiras e unha rampla. Tamén se mellorará a parte baixa da parcela con xabre consolidado onde se instalará unha churrasqueira e mellorarase o espazo infantil.
  3. Mellora do firme e calmado de tráfico en varios viais da parroquia, fomentando a mobilidade peonil e o desprazamento entre as dúas zonas nas que se está a actuar.

Convén lembrar que o proxecto de mellora das infraestruturas de Tomeza era moito máis ambicioso e inicialmente tiña un orzamento próximo ao millón de euros, xa que incluía unha actuación en catro ámbitos distintos da parroquia. Ademais dos xa mencionados, estaban previstas as melloras das contornas de San Pedro e de San Cibrán, pero estas dúas intervencións recibiron o informe en contra da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia que obriga a unha intervención arqueolóxica de maior envergadura. Ante esta situación, o Concello decidiu sacar estas dúas actuacións do proxecto de financiamento europeo e destinar os fondos ao proxecto de Núcleo de Centralidade de Marcón, xa que estes fondos europeos só poden dedicarse a esa liña de traballo.

Paralelamente, o Concello continúa traballando na modificación dos proxectos de San Cibrán e San Pedro, co obxectivo de acometelos con cargo a fondos propios.