Comezan os traballos para instalar a pasarela metálica que unirá as rúas Tablada e Rosalía de Castro sobre o Gafos

Nesta semana farase o corte, encaixonado e cimentación na ponte sobre Rosalía de Castro onde repousará a pasarela metálica que unirá as rúas.
Os traballos requiren un plan de mobilidade porque é necesario pechar a rúa Rosalía de Castro polas mañás entre hoxe e o venres.

A pasarela sobre o Gafos que unirá as rúas Tablada e Rosalía de Castro comeza a ser unha realidade. O concelleiro de Parques e xardíns, Xaquín Moreda, informou que esta semana comezan os traballos de corte, encaixonado e cimentación na ponte sobre a rúa Rosalía de Castro sobre a que repousará a pasarela metálica proxectada nesta zona do Gafos. O proxecto foi adxudicado á empresa Covsa por 495.866 euros e está financiado por fondos europeos FEDER dentro da Estratexia DUSI Máis Pontevedra.

Para realizar esta actuación, a Policía Local elaborou un plan de mobilidade dado que a empresa Covsa, adxudicataria do proxecto, precisa pechar a rúa Rosalía de Castro neste punto entre as 07.00 e as 16.00 horas, dende esta mesma mañá até o venres, incluído. No plan de tráfico recolle as recomendacións de entrada e saída da zona para a veciñanza do lugar.

O proxecto de instalación da pasarela sobre o Gafos supón a demolición da actual pasarela de lousa prefabricada que une as dúas rúas e a construción desta nova metálica. A intervención complétase coa creación de muros de contención para asegurar os noiros dos edifios e a creación de espazos verdes en forma de bancais até chegar ao río.