modelo pontevedra

O Concello cumpre co obxectivo de ter a maioría dos proxectos EDUSI sacados a licitación antes do remate deste 2022

  • Tan só restaría un proxecto por dar este paso, relacionado coa mellora do comercio minorista no casco histórico, estando o resto en diferentes fases administrativas

 

A concelleira e portavoz do Goberno, Anabel Gulías, ofreceu hoxe, na súa comparecencia logo da Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá, dunha nova adxudicación para un proxecto financiado dentro dos EDUSI. Son 300.000 euros os que se sacaron a licitación, dividido en dous lotes, o primeiro de control e coordinación do proxecto, e o segundo de creación de contidos como tal. O contrato leva por título ‘Servizos para a asistencia na elaboración de contidos web sobre recursos turísticos, comerciais e naturais e a coordinación dos nomeados traballos incluídos dentro da estratexia ‘Máis modelo Pontevedra’, a desenvolver dentro do POPE, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER’.

«O lote 1 tivo un prezo base de 71.641,68 euros e finalmente foi adxudicado á empresa 6TEMS Comunicación Interactiva, S.L. por 51.524,52 euros. O segundo lote tiña un prezo de adxudicación de 235.198,51 euros e foi adxudicado por 181.540,33 euros á empresa EVELB Técnicas y Sistemas, S.L.», sinalou a portavoz.

«O noso obxectivo cos proxectos EDUSI era telos todos, practicamente, en contratación ao longo deste ano e así o conseguimos, restando por licitar só o proxecto de mellora do comercio minorista no casco histórico», explicou a edil. «Queda todo o ano 2023 para executar e pechar os EDUSI, pensando xa na nova convocatoria».