O Concello de Pontevedra adxudica ás empresas Taller Aberto e Marexada o proxecto do Laboratorio da Infancia

  • A proposta de adxudicación do plan, que inclúe talleres de economía circular, deportes ou sostibilidade, será levada o será aprobada o vindeiro luns en Xunta de Goberno
  • O proxecto enmárcase dentro da estratexia EDUSI ‘Máis Modelo Pontevedra’ cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder 2014-2020)

Tras estudar as ofertas presentadas por cinco empresas aos dous lotes dos que consta a contratación, os técnicos municipais decidiron adxudicar ás empresas Taller Aberto (lote 1) e Marexada (lote 2) o proxecto impulsado pola Concellería de Educación para deseñar un Plan Estratéxico Local da Infancia e poñer en marcha un Laboratorio da Infancia que, entre outras accións, promoverá diversos talleres de educación e concienciación medioambiental, práctica deportiva, sostibilidade, economía circular e vida saudable. O tenente de alcalde, Tino Fernández, prevé levar o vindeiro luns a Xunta de Goberno Local para a súa aprobación a proposta de adxudicación do proxecto, enmarcado dentro da estratexia EDUSI ‘Máis Modelo Pontevedra’ do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) confinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder 2014-2020).

O prego de condicións admitía que as entidades licitadoras se presentasen a ámbolos lotes, sempre que se cumprisen cos requisitos de solvencia esixidos en cada un deles, e tamén que a mesma licitadora fose adxudicataria de ámbolos lotes. Finalmente houbo unha única empresa, Alamcia SL, que remitiu ofertas para os dous.

En concreto, aspiraban a facerse coa asistencia técnica que permitirá elaborar, en colaboración cos servizos municipais, un Plan de Acción para a Infancia e un Laboratorio da Infancia (lote 1), a consultora madrileña Alamcia e a firma de xestión cultural Taller Abierto, que resultou elixida polos técnicos. No que atinxe ao deseño e execución das accións concretas do antedito Plan (lote 2), ademais de Alamcia e da xestora integral de servizos no sector do lecer educativo, cultural e deportivo Marexada, tamén presentaron ofertas o colectivo especializado en actividades lúdicas dirixidas ao público infantil Polo Correo do Vento e a escola de deportes e artes urbanos Urban Culture Factory (Mission Surf).

O proxecto plantexa pois dúas liñas de traballo que estruturan a asistencia e o prego de condicións. “Por unha parte -explica Tino Fernández- preténdese xerar un taller mestre e un relatorio marco que lideren unha Estratexia Local para a Infancia e un primeiro Plan de Acción cunha serie de medidas priorizadas e accións piloto. O taller e a ponencia marco serán os elementos reitores do Laboratorio da Infancia, mentres que as accións piloto impulsadas por distintas mesas e talleres específicos que, por competencias, se xeren dentro do propio Laboratorio a través de Laboratorios de Ideas”.

Este avance da Estratexia Local para a Infancia e o seu primeiro Plan de Acción crearanse e executaranse de xeito dinámico e cunha alta participación das familias, os diversos actores sociais e os axentes educativos e pedagóxicos, incluídos centros docentes e investigadores da Universidade expertos nesta área. Terá como criterios internos fundamentais os da igualdade de xénero entre mulleres e homes, a igualdade de oportunidades e a inclusión social, a sostibilidade, a promoción das liberdades individuais e dos dereitos humanos e sociais, o comportamento social, a análise crítica, o razoamento e o coñecemento, así como o fomento da innovación.

Dentro deste avance fixaranse os obxectivos que se consideren estratéxicos e as liñas de acción para lograr as mellores condicións para os nosos menores. O Plan de Acción deberá dar prioridade a todas aquelas accións e liñas que redunden en melloras de colectivos infantís especialmente desfavorecidos a nivel local, posibilitando a execución inmediata de accións que permitan unha mellor inclusión social e melloren a igualdade de oportunidades de tod@s.

Concienciación ambiental e deportiva

En segundo termo, e en paralelo, quérense implementar accións directas que servan de ferramenta de arrinque ás dinámicas participativas do Laboratorio da Infancia. Ditas accións centraranse en dous obxectivos identificados na Estratexia: 1. A educación e concienciación ambiental, sostibilidade e economía circular; 2. A educación e concienciación deportiva.

No primeiro caso, promoveranse talleres que expliquen os valores do mundo rural, mediante a visita guiada aos parques forestais situados no contorno de Pontevedra, especialmente ao da Fracha (conformado a través da EDUSI con financiamento dos Feder), pero tamén ao resto de espazos e parques forestais da cidade. No que atinxe á educación e concienciación deportiva, potenciaranse os recursos deportivos en conxunción cos naturais, con talleres vencellados á práctica deportiva e á vida saudable: remo/piragüismo no Lérez, escalada no Pavillón da Xunqueira…

Tino Fernández sinala que “o orzamento económico para a contratación do primeiro dos lotes (Asistencia técnica na elaboración e coordinación da Estratexia Local para a Infancia e seguimento do Plan de Acción) ascende a 54.790 euros, mentres que o relativo ao Deseño e Execución das Accións Directas do Plan de Acción é de 78.650 euros”.