O Concello xa ten unha proposta de adxudicación para as obras de mellora da contorna do CEIP de Parada, en Campañó

Covsa foi a empresa gañadora do concurso público a través dunha proposta de 424.614,36 euros e facilitará o acceso e aumentará a seguridade das crianzas nas proximidades do centro escolar.

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora da mesma. Alén dos asuntos tratados na orde do día, a edil quixo tamén ofrecer información dalgunhas mesas de contratación celebradas na pasada semana.

Fundamentalmente, a voceira quixo informar da adxudicación para as obras de mellora da contorna do CEIP de Parada en Campañó. Trátase dunha actuación financiada con fondos EDUSI, que facilitará que as crianzas poidan acceder ao centro escolar con maior seguridade. «É sabido que un dos puntos fortes deste Goberno é mellorar e acondicionar lugares sensíbeis», indicou.

A empresa Covsa foi a empresa escollida para esta proposta de adxudicación, a través dun contrato cun importe de 424.614,36 euros. Terá un prazo de execución de catro meses. «Agardamos poder comezar canto antes as obras, pois as actuacións con cargo a fondos EDUSI deben estar executadas, certificadas e liquidadas neste 2023».