25 Mai Os consellos parroquiais difundirán o traballo de campo do proxecto de transporte a demanda
- Representantes de todas as parroquias do Concello participaron nunha asamblea para coñecer polo miúdo o proxecto de transporte a demanda e comprometéronse a promover a participación activa na recollida de información previa
- Este proxecto está financiado nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)
Pontevedra, 25 de maio de 2021. O concelleiro de Obras Urbanas e Transporte, Demetrio Gómez, acompañado polos concelleiros Alberto Oubiña e Pilar Comesaña, mantivo na tarde de onte unha asamblea cos representantes parroquiais de todo o concello, co proxecto de transporte a demanda como punto do día.
Tratábase de poñer en común este proxecto de transporte público que conectará as parroquias e os barrios coa cidade, para que a veciñanza coñeza en que consiste e participe no seu deseño a través do traballo de campo. A idea fundamental é que, a través de enquisas e información previa proporcionada pola veciñanza, se deseñe un sistema que funcione nas mellores condicións posibles para os futuros e futuras usuarias.
Demetrio Gómez asegurou que a asamblea se desenvolveu “nun ambiente moi bo” e que “todas as propostas foron construtivas”. Así, as intervencións dos representantes parroquias centráronse en cuestións como o propio funcionamento do transporte a demanda, o prezo do servizo, os horarios, os destinos e puntos de recollida ou o tipo de persoas usuarias que o poderán utilizar.
Por parte do Concello, informouse da necesidade de colaboración por parte da veciñanza co resultado de que todos os presentes se comprometeron a difundir o traballo de campo para promover a participación activa nas enquisas e na recollida de información previa.
Convén lembrar que o traballo de campo inclúe realizar 1.000 enquisas telefónicas a persoas que viven nas parroquias, co obxecto de coñecer o parecer do 5% dos habitantes das parroquias (arredor do 20% das vivendas do rural), con preguntas relativas a motivo das viaxes, horarios, medios de desprazamento…
Tamén está previsto que se fagan enquisas en puntos “tractores” da mobilidade que serán o centro de saúde de Lérez, o centro de saúde da Parda, a Casa do Mar, o Concello, a estación de autobuses e a sede administrativa da Xunta en Campolongo. O cuestionario será similar aos anteriores: destino/orixe da viaxe, motivos, medios de transporte…
Este estudo está coordinado pola UTE MCRIT S.L. Seteoitavas Sociedade Cooperativa Galega, adxudicataria do estudo de explotación do transporte a demanda, e inclúe outras accións encamiñadas a analizar a mobilidade entre a cidade e as parroquias, como a ocupación nos aparcadoiros de bordo, o aforamento da cidade, ou enquisas a condutores no centro urbano.
Fondos FEDER
Os estudos e as aplicacións dixitais do transporte a demanda están sendo desenvolvidas ao amparo da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) Máis Modelo, Pontevedra, financiada polo Programa operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020.
O estudo e proposta de explotación do transporte a demanda foi adxudicada á UTE MCRIT S.L – Seteoitavas Sociedade Cooperativa Galega por 76.683,75 euros, e cunhas melloras de 37.500 euros.
Entidades participantes na asamblea
AAVV PONTEMUIÑOS – LOURIZÁN
AAVV CABANAS – SALCEDO
SOCIEDAD DEPORTIVA – SALCEDO
AAVV O CRABADOIRO – STO. ANDRÉ
COMUNIDADE MONTES – LOURIZÁN
AAVV A DEVESA – ALBA
COMUNIDADE MONTES – STA. MARÍA
COMUNIDADE MONTES – TOMEZA
A.R. XEVE – STO. ANDRÉ
AAVV ESTRICERES – LOURIZÁN
COMUNIDADE MONTES – MARCÓN
A.C. O MAIS ALTO DE MARCÓN – MARCÓN
AAVV BORA – BORA
XUNTA DE MONTES – CAMPAÑÓ
COM. AUGAS VALLADARES – MARCÓN
AAVV O CHEDEIRO – CERPONZÓNS
AAVV. O PILAR – CAMPAÑÓ
AAVV. SAN BIEITO – LÉREZ
AAVV. OS CAMPOS – MOURENTE
AAVV OUTEIRO DO MONTE – VERDUCIDO
A.C. SONDEXEVE – STA. MARÍA
AAVV SAN ANDRÉS – LOURIZÁN
COMUNIDADE MONTES – CERPONZÓNS
AAVV O CASTRO – MOURENTE
AAVV SANTA MARÍA – PONTE SAMPAIO
AAVV HEROES CAMPO DA PORTA – SALCEDO
A.C. AMARINDA – MOURENTE
A.C.CHAN DO MONTE – CERPONZÓNS
COMUNIDADE MONTES – LÉREZ
COMUNIDADE MONTES – MOURENTE
AAVV COORDINADORA -BORA
COM. AUGAS FONTÁNS – STA. MARÍA
COMUNIDADE MONTES – SALCEDO
A.C. POUSOS DA AREA – LOURIZÁN
A.C. CEDOFEITA – LÉREZ
A.C. SAN CIBRÁN – TOMEZA
XUNTA DE MONTES -CAMPAÑÓ
COM. AUGAS A HERMIDA – MARCÓN