11 Abr Pontevedra ten executados ou en execución o 86% dos Fondos europeos que financian a estratexia DUSI
Xa están certificadas obras como a ponte do Burgo, a reforma dos pavillóns da ONCE e o Multiusos, a rehabilitación do Gorgullón e as súas rúas perimetrais, ou o parque forestal da Fracha.
En execución están o Centro Sur, Redeiras e o Plan de Igualdade, o transporte a demanda, o Laboratorio da Infancia, o núcleo de centralidade de Marcón, a rede viaria interparroquial ou a mellora da administración electrónica do Concello.
Só están pendentes un 14% dos fondos relativos a mellora da contorna de Campañó, a restauración do Gafos, aplicacións para Turismo e participación no rural, o mercado de novos creadores e o fomento do comercio minorista.
A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o prazo de amplicación da execución das obras da Redeira (situado no edificio municipal de Santa Clara) e da creación da nova residencia asistencial do Centro Sur, ambos vinculados aos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Estratexia de Desenvolvemento Urbano e Sostible (EDUSI) “Máis modelo Pontevedra”.
A portavoz do Goberno e responsable da xestión da EDUSI, Anabel Gulías explicou esta mañá que as prórrogas débense á falta de subministros, no caso de Redeiras (está pendente de recibir mobiliario), e no caso do Centro Sur, tanto a problemas de humidades descubertas no proceso de demolicións dos tabiques como da falta de subministro pola crise mundial. A Redeira prolongouse o prazo de entrega 2 meses máis (até o 10 de maio) e no Centro Sur catro meses máis até o 4 de novembro.
A portavoz do Goberno aproveito a comparecencia para dar conta do estado de execución dos 12,5 millóns de euros que foron concedidos a Pontevedra a través dos FEDER. Na actualidade están executados o 57% dos proxectos correspondentes a 7.074.673,66 euros. Neste apartado inclúense proxectos como
- A ponte do Burgo
- A reforma do Gorgullón
- A reforma das rúas perimetrais do Gorgullón.
- A reforma do Pavillón Multiusos
- A reforma do Pavillón Municipal da Once
- A creación do Parque forestal da Fracha.
Na actualidade están en execución un 29% dos fondos (en distintas fases: dende a tramitación á execución material). Forman parte deste capítulo:
- Potenciación da administración electrónica: 1.134.240 euros
- Transporte a demanda (app): 300.240 euros
- Transporte a demanda (implantación): 200.160 euros
- Rede viaria peonil interparroquial: 200.160 euros
- Reforma do Centro Sur para residencial asistencial: 1.547.904 euros.
- Proxecto Redeiras e Plan de Igualdade (CIM): 133.440 euros
- Laboratorio da infancia: 133.440 euros
- Núcleo de centralidade de Marcón (contía global xunto ao proxecto da centralidade Tomeza xa rematado): 934.080 euros
- Mercado de abastos e dinamización do Ganapán: 580.464 euros.
A portavoz do Goberno indicou certa preocupación polo 14% pendente de iniciar e que habería que certificar antes do 31 de decembro de 2023. Os proxectos pendentes serían:
- Ferramentas TIC de apoio á participación, información, consellos parroquiais…: 33.360 euros
- Ferramentas TIC para a posta en valor ao patrimonio natural, histórico-artístico, cultural e outros recursos locais para o turismo: 333.600 euros
- Acondicionamento da contorna do colexio de Campañó: 266.880 euros
- Restauración dos espazos naturais fluviais (Gafos): 600.480 euros
- Mercados de novos creadores mediante a rehabilitación de espazos comerciais para contribuír á dinamización comercial de Zona Monumental: 467.040 euros
- Fomento do comercio minorista do centro histórico co propósito de mellorar a súa competitividade: 33.360 euros
“Partimos dunha posición ventaxosa por ter o nivel de execución máis alto do Estado” explicaba Anabel Gulías, que se puxo como obxectivo ter todos os proxectos pendentes pechados o vindeiro mes de Xuño. Con esta medida poderíase conseguir que no caso de reprogramar os fondos sobrantes Pontevedra estaría en boa disposición de recibir máis desta convocatoria, ou partir nunha situación ventaxosa na próxima convocatoria das Estratexias DUSI.