Unha xincana infantil pola Illa do Covo permitirá coñecer toda a súa riqueza artística e natural

    • É unha ferramenta que estará financiada integramente polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER)
    • Está pensada para visitantes pero tamén para que o fagan os veciños acompañados dos cativos.
    • O Concello fará unha demo nos vindeiros días da man
      de Polo Correo do Vento, guionistas da xincana.

Pontevedra ten en marcha o primeiro proxecto financiado polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) presentada por Pontevedra e aprobada o pasado ano. Trátase dunha Xincana infantil pola Illa do Covo, elaborada pola Concellaría de Turismo, que pretende pór en valor os recursos patrimoniais e naturais da cidade tanto para amosalos aos visitantes de Pontevedra, como para ser un elemento de xogo para os propios veciños.

Esta actuación ten un custe de 17.472,40 euros e será integramente financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Os proxectos municipais aínda non están concedidos nin aprobados polo Goberno do Estado, polo que a financiación foi adiantada polo Concello.

Anabel Gulías, concelleira de Turismo, presentou esta mañá esta ferramenta parecida á que xa ten a concellaría para percorrer o centro histórico “O tesouro do pirata”, “que funciona moi ben”, asegurou. Neste caso, trátase de ir descubrindo todo o patrimonio artístico e natural da Illa, pero tamén dá conta de fitos ou eventos que se suceden neste espazo da cidade como, por exemplo, ser o punto de adestramento do campión do mundo de Triatlón, Javier Gómez Noya, que aparece nos vídeos interactuando cos tres protagonistas.

O método tecnolóxico para ir desenvolvendo a xincana son códigos QR en distintos espazos que permitirán a descarga de oito vídeos, onde os rapaces e os seus pais poderán ir avanzando da man de Uxía, Brais e a cadela Ponte, no descubrimento da Illa a través de pistas. Ao rematar a xincana, recibirán un cartel de “Guías oficias da Illa do Covo” nas instalacións da Casa da Luz onde remata o percorrido.

A xincana consta de oito episodios (en galego e castelán):

    • Adestrando con Gómez Noya. Na praza de recepción.
    • Esculpindo con José Pedro Croft. Escultura a casiña
    • Viaxando co Pai Sarmiento. Escultura de Saavedra
    • Bailando no Surfing The Lérez. Escultura unha Folie
    • Coñecendo paxaros. Pantalán
    • Cantando arrolos. Ponte dos Tirantes
    • Lendo no Salón do Libro. Pazo da Cultura
    • Rematando a viaxe con Benito Soto. Casa da Luz

Como punto de partida deste proxecto, a Concellaría fará unha demo, a ser posible a vindeira semana, da man de Polo Correo do Vento, guionistas desta xincana, que será filmada e presentada como Boas prácticas dentro dos proxectos dos fondos FEDER no Estado español para o ano 2017.

Esta é unha operación que contribúe á estratexia de desenvolvemento urbano e sostible ao contribuír ao desenvolvemento de Pontevedra como destino turístico intelixente a través de aplicacións que permitan á cidadanía e aos turistas estar informados de todos os recursos existentes, e poidan coñecer a cidade dende unha perspectiva de lecer, e apreciando a súa cultura. Por todo elo, o proxecto contribúe a acadar os obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020, e os obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

A imaxe da Xincana