A conversión de parte do Centro Sur nunha residencia para persoas con parálise cerebral estará rematada a comezos do 2023

  • A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, indicou que foi aprobada unha prórroga para este proxecto de mes e medio, o que establece un horizonte moi próximo para a súa finalización
  • Amencer será a asociación encargada da súa xestión, ao ser un colectivo que mellor coñece as necesidades das persoas que atenderá

 

Un dos asuntos tratados durante a Xunta de Goberno Local desta mañá foi o prazo de entrega das obras do Centro Sur, definida pola portavoz do Goberno, Anabel Gulías, «como unha das obras máis ilusionantes deste mandato», e na que fixo un fincapé explicativo á hora de dar conta da mesma.
O proxecto está financiado con fondos FEDER e desde o deseño do proxecto, que xa vén de mandatos anteriores, recibiu un seguimento un tanto especial por parte do Concello de Pontevedra por ser un dos equipamentos que máis recursos públicos precisou, amais do seu fin, xa que a vila gañará un equipamento socio-sanitario de primeiro nivel e mellorará enormemente a calidade de vida das familias na que un dos seus membros precisa dunha residencia destas características. Estará xestionada por Amencer, a asociación de familias de persoas con parálise cerebral e outros transtornos neuro-motores.
«Esta nova ampliación para a entrega da obra coloca un horizonte final para as mesmas, xa que tivemos unha primeira ampliación do prazo de execución de catro meses e, sobre este prazo, agora sumaremos un mes e medio máis», explicou Gulías. «Quedan xa só pequenos retoques, cuestións pequenas que farán que o centro quede a disposición dos seus usuarios a principios do ano 2023».
A portavoz do Goberno lembrou que «hai uns meses tivemos que realizar unha obra de emerxencia por mor dunhas humidades que se detectaron durante o proxecto e fixo mudar todas as ventás do edificio». O orzamento para este proxecto foi de 1.547.129,15 euros, xunto co desta nomeada actuación de emerxencia.
Doutra banda, a edil sinalou que comezou o proceso administrativo para a concesión demanial do mesmo centro, «unha condición sine qua non e así o fixemos constar na candidatura dos EDUSI, para que este centro estivese xestionado polas propias asociacións que mellor coñecen as necesidades das persoas con parálise cerebral. Estamos xa traballando neste expediente e finalizarán a finais de ano para facer realidade a concesión».
Por último, Gulías quixo indicar que queda pendente a creación dun centro de día neste edificio, proxecto candidato tamén a fondos EDUSI, de Cogami-Amizade e que pronto sairá á luz o proxecto de licitación.