04 Out A exposición Ponte do Burgo, berce, camiño e luz achega á veciñanza o patrimonio da cidade
- Pode verse dende hoxe, ás 19.30 horas, na pasarela 12 de Novembro
- Da a coñecer a proxectada reforma da emblemática infraestrutura, unha actuación financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)
Difundir entre a veciñanza a historia do que sen dúbida é o elemento construído máis significativo da cidade é o obxectivo que hai detrás da exposición “Ponte do Burgo, berce, camiño e luz” que dende hoxe, ás 19.30 horas, pode verse na pasarela da rúa 12 de Novembro. É a primeira parada dunha mostra que ocupará en datas sucesivas outros espazos da cidade, contribuíndo ao achegamento do coñecemento do patrimonio aos distintos barrios da cidade.
A mostra está formada polo groso da exposición que estivo no Museo de Pontevedra o pasado mes de marzo co fin de dar a coñecer o pasado, presente e futuro da emblemática infraestrutura que enfrontará nos próximos meses unha ampla intervención que afectará tamén a súa contorna. Unha actuación que permitirá acondicionar un novo
espazo público de referencia na cidade ademais de tratar a ponte como o que é: un monumento central da historia de Pontevedra. O proxecto segue as directrices do modelo de Pontevedra: preferencia peonil, calidade construtiva, calidade de vida e recuperación e posta en valor do patrimonio.
A proposta de reforma da ponte do Burgo ten un prezo de licitación de 2.561.390,91 euros (IVE incluído) e está financiado nun 80% polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), como tamén o está a exposición que pon en valor a ponte e da a coñecer dito proxecto.
A versión de rúa da exposición “Ponte do Burgo, berce, camiño e luz” evita todos os elementos orixinais (as chaves das portas da muralla, reproducións en pedra da contraportada de Santa María e algúns vestixios arqueolóxicos atopados na cabeceira sur da ponte) que contiña a súa configuración inicial por evidentes razóns de seguridade. Consta, por tanto, de todo o seu compoñente divulgativo, composto por un total de 26 paneis con diversos aspectos relacionados coa ponte: a súa evolución unida á da cidade, o proxecto de restauración en si mesmo e algúns outros aspectos relacionados coa significada infraestrutura.
Outros elementos importantes da exposición, como o catálogo e o vídeo que se realizou, poden ser consultados e descargados vía web en burgo.pontevedra.gal.
Trátase dunha produción municipal que se enmarca nas accións de cara á futura restauración da ponte, que consistirá basicamente en dotala dunha plataforma única para a circulación peonil renovando a táboa superior, a transformación da cabeceira sur nun espazo de estar, cunha nova praza arborada.
A dimensión lumínica abrangue a toda a ponte: a plataforma superior, con luces no chan e outras que parten da nova varanda metálica, e as dúas “fachadas” do monumento, os dobres arcos e os tallamares, así como as icónicas cunchas que desde os anos 50 do pasado século adornan a arcada.
A exposición percorre a historia da ponte baixo unha óptica diacrónica, desde as especulacións en torno á ponte romana ate a construción da primeira versión da actual, que tivo lugar no século XII, non se sabe moi ben se sobre a “vella ponte” que deu nome á cidade ou preto dela.
Un dos elementos máis significativos da mostra é a ilustración que Pier María Baldi realizou en 1669 que se conserva na biblioteca Laurenciana de Florencia, xa que é sen dúbida a máis detallada e fermosa ilustración que nos chegou da etapa pre-fotográfica.
Como homenaxe a esa ilustración da que a ponte é a protagonista absoluta, realizouse unha actualización, a través do seu coloreado e limpeza, para adaptar o aspecto orixinal (que tamén se mostra) á retina contemporánea. Ofrecerase na exposición nun panel triplo de 6 metros de ancho en total. O coloreado foi realizado por Emi Ramírez
Fondos FEDER
O proxecto de posta en valor da Ponte do Burgo busca contribuír á conservación do patrimonio cultural da cidade, o que axudará a aumentar o seu valor estético e cultural ao facelo máis atractivo para os transeúntes, en especial para os peregrinos que pasan pola Ponte no seu camiño cara a Santiago de Compostela.
Polo tanto, a intervención redundará na mellora do desenvolvemento sostible da zona e a sustentabilidade futura da intervención queda garantida, e contribúe a acadar os obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020, e os obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).