A modificación da ordenanza do taxi abre o proceso de implantación do transporte a demanda

  • Dende hoxe a páxina web municipal recolle o documento base no que se explican os obxectivos desta modificación. Busca que os pontevedreses e o sector fagan as achegas que estimen oportunas.
  • A implantación do modelo de transporte colectivo estará financiada por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

Pontevedra, 20 de marzo de 2019. O Concello de Pontevedra puxo en marcha hoxe o proceso de participación para adaptar a Ordenanza Reguladora do Servizo Municipal de Taxi no concello ao Decreto 103/2018, de 13 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 4/2013, de 30 de maio de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia. Todas as persoas interesadas en participar poden enviar as súas suxestións ao enlace www.pontevedra.gal/participa/danos-tua-opinion/ordenanza-reguladora-do-servizo-municipal-de-taxi/ que se aloxa na páxina municipal pontevedra.gal

Ademais de abrir esta fiestra de contacto público, o Concello tamén enviará ás entidades directamente implicadas nesta modificación o documento base para que fagan as súas achegas. En principio non está fixado un límite de tempo para realizar suxestións.

Neste documento base recóllese que o Concello ten que apostar por novos xeitos e modalidades de mobilidade e de transporte a demanda que permitan solucionar os problemas de mobilidade das persoas que viven nas zonas rurais, fóra da zona urbana e, en especial, de certos tramos e idade e das persoas con necesidades diversas de mobilidade.

Precisamente dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado, inclúese unha liña de actuación para o programa de “implantación dun modelo de transporte colectivo á demanda mediante vehículos de baixa capacidade”, proxecto financiado a través dos fondos FEDER 2014-2020, por decisión do Ministerio de Facenda, cuxa implantación pode precisar da modificación ou adaptación da Ordenanza.

Segundo adiantou esta mañá o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez o decreto da Xunta permite fixar rotas ou zonas con servizos a demanda e, incluso, a posibilidade de cobrar por viaxeiro ou ben con tarifas planas a determinadas zonas como poden ser hospitais ou aeroportos, creando un sistema real de mobilidade intermodal.

O decreto ofrece, polo tanto, a posibilidade de que Pontevedra cree o soporte normativo para pór en marcha un transporte a demanda no que está traballando o Concello, ou incluso, incorporar sistemas de mobilidade máis actuais como o vehículo compartido.