A Ponte do Burgo amosará hoxe a súa imaxe nocturna na primeira proba de iluminación

  • A peonalización da Ponte do Burgo entra nas últimas semanas de traballo.
  • A obra está financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

A peonalización da Ponte do Burgo entra nas súas últimas semanas de obra. De feito, o Concello realizará esta tarde-noite unha primeira proba de iluminación da ponte ao dispoñer unha parte da varanda da iluminación led definitiva. Con esta proba, que se fará en diferentes cores, poderase definir a intensidade proxectada da ponte.

A iluminación da Ponte do Burgo estará formada por distintos elementos. Por un lado está prevista a iluminación do propio taboleiro con focos led de baixo consumo emprotrados no pavimento que marcarán o Camiño de Santiago.

E tamén se iluminará a base do taboleiro, os arcos e os taxamares para realzar os arcos da ponte, a súa estrutura e forma. Esta iluminación conseguirase dende a base da varanda realizada ex profeso para este proxecto, e que inclúe un espazo estanco onde se aloxará a iluminación led. Ademais, este material eléctrico é resistente á salitre, dado que neste punto da ría a auga xa é bastante salgada e podería prexudicar á iluminación.

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez e a concelleira responsable dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), Anabel Gulías visitarán esta tarde a proba, xunto aos técnicos municipais e aos responsables da empresa de iluminación (Setga).

A obra civil da reforma da Ponte do Burgo foi adxudicada á UTE Imesapi – E.C.Casas por valor de 1.326.977 euros e a Setga a iluminación por 730.840 euros. En total, 2.057.817 euros. A licitación global de partida era de 2.561.390,91 euros: a obra civil por valor de 1.700.598,75 euros e a iluminación por 860.792,16 euros.

A peonalización da Ponte do Burgo está incluída dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral (EDUSI) Máis Modelo Pontevedra, financiada con 10 millóns de euros polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa Operativo de Crecemento Sostible 2014-2020. Esta reforma entra dentro da liña de traballo de mellora do Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade, e na que tamén se incluíu a reforma da rúa Gorgullón.