A reforma do Gorgullón avanza “a bo ritmo” e poderá estar rematada ao longo de outubro

  • Está rematándose a instalación do enlousado na rúa, que rematará coa colocación de arborado e mobiliario urbano.
  • A obra estará financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez acompañado de diversos membros do Goberno Local e responsables da empresa construtora E.C.Casas visitaron esta mañá o desenvolvemento dos traballos de reurbanización da rúa Gorgullón, incluída dentro da liña municipal de mellora do Camiño de Santiago ao seu paso polo Concello, mellorando a calidade de vida dos residentes así como do tránsito dos máis de 60.000 peregríns que cada ano pasan por Pontevedra. A obra estará cofinanciada cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Segundo explicou Demetrio Gómez, a intervención vai a bo ritmo “e estará lista antes do inverno”. De feito, apuntou que poderá ser para o mes de outubro. Na actualidade estase a rematar a colocación do pavimento no tramo final da rúa. O arborado, o mobiliario urbano e outros elementos formarán parte do remate da obra.

O concelleiro explicou que con esta intervención o Gorgullón se converte “nunha zona nobre, que non desmerece a ningún outro punto da cidade, e o Camiño queda moi completo”.

O proxecto da reforma do Gorgullón inclúe:

  • Plataforma única co tránsito restrinxido á veciñanza e o comercio, sen estacionamentos como nas rúas Michelena ou Peregrina.
  • Invértese o sentido de circulación -pasará a ser sur-norte-; dúas vías transversais quedan en dirección a Eduardo Pondal -Moa e Travesía Eduardo Pondal- e peonalízase a rúa do Muíño que salvará a pendente con escaleiras.
  • O Camiño de Santiago quedará sinalado cunha cor e pavimento diferenciados entre calzada e beirarrúas e luces led no chan semellantes ao centro histórico.
  • Renovarase o alumeado con farolas led e redistribuiranse os puntos de alumeado.
  • Aproveitarase a obra para mellorar e incorporar novos servizos. Está previsto ampliar a rede de auga potábel, completar o separativo de augas pluviais e fecais e instalar unha rede eléctrica novas.

Entre os elementos singulares do proxecto están:

  • Crear unha pantalla vexetal con pereiras de flor -Pyrus Celleriana- para agachar as traseiras dos edificios e gañar en calidade urbana. O arborado complétase con Gyngko bilobas na praza da entrada.
  • Rúa do Muíño. Quedará completamente peonalizada. Para salvar a pendente converterase nunha escalinata atravesada por unha rampla para garantir a accesibilidade.
  • Praza en Eduardo Pondal. Nova zona de estancia con arborado (Gyngkos), mobiliario e novo pavimento, e creación de bancadas.
  • Praza na cabeceira da avenida da Estación. Cambiará o entronque coa avenida da Estación que deixa de ser perpendicular para mellorar a accesibilidade e co fin de mellorar tamén a conexión coa senda do Gafos.

A empresa E.C.Casas foi a adxudicataria da obra cun orzamento de 1.258.629,17 euros. Entre as melloras presentadas pola empresa está a substitución do firme de asfalto por un lastro de 50×50 que aguantará o tránsito de vehículos, aínda que a rúa quedará de preferencia peonil.

Fondos FEDER

Polo tanto, a intervención redundará na mellora do desenvolvemento sostible da zona e a sustentabilidade futura da intervención queda garantida, e contribúe a acadar os obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020, e os obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).