Abre o novo miradoiro sobre o río Lérez tralo proceso de rehabilitación e acondicionamento da antiga ponte do ferrocarril

A zona é accesíbel a través dunha escaleira ou dunha rampla situada na zona da praia fluvial e permite ter unha perspectiva da zona até agora oculta.

O río Lérez xa pode ser ollado desde un novo miradoiro. O proxecto de rehabilitación e acondicionamento da antiga ponte do ferrocarril impulsado desde o Concello de Pontevedra acaba de ser rematado, creando unha nova zona de estancia sobre o río da cidade.

A ponte, á que se pode acceder desde a zona da praia fluvial ben por escaleiras de madeira, ben por unha rampla en zig-zag, ofrece unhas vistas da praia fluvial e de toda a contorna até agora inexistentes. O espazo é xa un miradoiro que tamén pode ser percorrido a pé ou en bici, até a entrada do antigo túnel do tren (tapiado por seguridade).

O proxecto, cofinanciado nun 80 % pola Unión Europea con fondos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (Edusi), contou cun orzamento de 185.130 euros.

O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, achegouse esta mañá de mércores até o novo espazo, definindo o resultado do proxecto como «unha posta en valor e un novo uso da antiga ponte do ferrocarril». «Adif cedeu o seu uso e agora será un lugar accesíbel, funcionando como un miradoiro sobre os salóns do Lérez, a Illa do Covo e a praia fluvial. Supón unha mellora substancial  respecto a situación dunha infraestrutura sen ningún uso».

«A ponte pasa a formar parte dos espazos públicos de esparexemento e de sendeiros que hai ao redor do Lérez e conecta, dalgún xeito, coas sendas que van até Bora. É un activo máis para a  cidade», explicou o rexedor.