Adxudicado o contrato para deseñar a aplicación informática que rexerá o transporte a demanda

  • A UTE Demesix Sicom Zitycard realizará o traballo de ‘desenvolvemento, subministro e posta en marcha da plataforma de xestión’ por un orzamento e 266.587,20 e un prazo de execución de 21 meses

O Concello vén de adxudicar o contrato de ‘Desenvolvemento, subministro e posta en marcha dunha plataforma de xestión do servizo de transporte público a demanda’ á UTE Demesix Sicom Zitycard, por un prezo de adxudicación de 266.587,20 euros e un prazo de execución dos traballos de 21 meses.

A portavoz do Goberno e concelleira de Réxime Interior, Anabel Gulías, que deu conta esta mañá desta adxudicación, asegurou que “damos outro pasiño máis na xestión do que esperemos que sexa a revolución do transporte no Concello de Pontevedra”. Para estes traballos presentaran ofertas dúas empresas e coa resolución da adxudicación dáse luz ver ao deseño da aplicación informática que vai establecer como funcionará o servizo de transporte público a demanda.

Convén lembrar que esta adxudicación se suma á feita pública a semana pasada relativa ao estudo e proposta de viabilidade e sostibilidade da explotación dun servizo de transporte colectivo a demanda. O obxectivo é, segundo lembrou Anabel Gulía, de ter deseñado o funcionamento do proxecto de transporte a demanda no presente mandato.

O proxecto ‘A implantación dun modelo de transporte colectivo a demanda mediante vehículos de baixa capacidade’ encádrase nos obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020 e da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) “Máis Modelo Urbano Pontevedra”, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).