14 Feb As obras do núcleo de centralidade de Marcón entran na súa recta final
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou esta mañá as actuacións, que xa amosan a nova estética e accesibilidade da que gozarán os veciños e veciñas da zona
Está previsto que os traballos rematen ao longo do vindeiro mes, logo dun investimento próximo ao medio millón de euros por parte do Concello de Pontevedra
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto co concelleiro delegado da parroquia de Marcón,Alberto Oubiña, visitou os traballos do núcleo de centralidade de Marcón, que rematarán nas vindeiras semanas, ao acharse xa na súa recta final.
O proxecto do núcleo de centralidade de Marcón, que ten como fin mellorar toda a contorna da casa parroquial, onde se desenvolve a maior parte da vida comunitaria da parroquia, xunto coas conexións cos lugares de Sabarís, Valadares, Carrasco e Marcón. Foille adxudicado no seu día á empresa Covsa, por un orzamento próximo ao medio millón de euros.
As actuacións proxectadas, e que na súa maioría poden ser xa observables, foron as seguintes:
- Reforma da plataforma central do espazo que era de xabre e será pavimentada con formigón e acabado barrido, confinada entre bandas de granito. Este tratamento permitirá garantir a drenaxe do campo en condicións semellantes ás dun terreo natural.
- Xeración dun acceso novo a esta plataforma desde a plataforma inferior a través dun itinerario en rampla adosado ao muro de contención, salvando a dificultade que supón a alta pendente do vial asfaltado que discorre polo lateral das plataformas.
- No vial lateral, adoptouse unha solución de rampla tipo italiana, con chanzos de pequena altura e bordes redondeados, con bancos que permitirán descansar. Tamén foi pavimentada en pedra e levará iluminación de balizamento.
- Rehabilitación dos camiños que conectan cos lugares de Sabarís e Valadares – O Carrasco cunha pavimentación en formigón e a instalación lumínica dunhas balizas baixas. O tráfico nestes viais estará restrinxido a peonil e agrario. No caso do camiño a Valadares-O Carrasco rematará nun faladoiro xunto ao cruceiro na zona da ‘Casa da Mestra’.
«Apenas faltan uns retoques para que a obra remate neste núcleo de centralidade de Marcón», indicou o alcalde na súa visita. «É unha mellora evidente no que se refire a accesibilidade, estética,materiais… Queremos facer desta zona, que na práctica xa o é, o núcleo social da parroquia, pero que se potencia con esa rehabilitación dos viais peonís».
«Queríamos tamén mellorar o acceso desde a igrexa, mais o paso de peóns elevado que queríamos instalar cruza unha estrada da Xunta… Estamos tentando, e non perdemos a esperanza, de que algún día nolo deixen instalar e así reducir a velocidade dos vehículos na zona e facilitar o tránsito peonil», indicou o rexedor. «Estamos instalando unha drenaxe sostíbel, unha recollida de augas con pozos filtrantes debaixo do camiño formigonado. Esta é unha actuación realmente importante e potente, con materiais de altísima calidade, que conta con financiamento europeo e que queda enmarcada dentro desa idea de crear núcleos de centralidade, como xa fixemos en Campañó, Salcedo e Tomeza, entre outros, e que pensamos manter».
Tal e como sinalou Lores, as actuacións deberían quedar rematadas nun mes, aproximadamente. O núcleo de centralidade de Marcón está incluído dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020, e os obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).