Avanza a reforma da residencia de Amencer no Centro Sur que estará rematada no primeiro trimestre de 2023

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores acompañado da concelleira responsable da xestión dos fondos europeos, Anabel Gulías e do concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey visitaron esta mañá o avance das obras de reforma das dúas plantas do Centro Sur que serán a futura residencia da Asociación Amencer-Aspace. Xunto ao presidente de Amencer-Aspace, Carlos Godoy, comprobaron como a obra vai avanzando e permitirá acoller a 32 persoas (16 por planta) a partir do primeiro trimestre de 2023, cando está previsto o remate da reforma.

O Concello, a través dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) que financian a Estratexia DUSI “Máis modelo, Pontevedra”, está a facer un investimento de máis de 1,5 millóns de euros na reforma destas dúas plantas. Este proxecto tivo que  complementarse con 50.000 euros máis para cambiar todas as fiestras das plantas, xa que se considerou que non se podían aproveitar as existentes.

Logo da visita, o alcalde amosouse “moi contento” porque esta obra supón “un antes e un despois nos servizos de Benestar Social para as persoas máis necesitadas do concello”. Lembrou que esta reforma é posible pola sinatura do convenio coa Once que permitiu incorporar ao Concello o xinmasio e o Centro Sur habilitado para entidades e asociacións de veciños na planta baixa, para Amencer nas dúas plantas contiguas, e está pendente de reformar as dúas últimas que estarán destinadas á asociación Amizade.

O convenio coa Once tamén permitiu conectar esta zona á cidade cun vial que une Campolongo coa avenida de Vigo “e que intentaremos abrir o antes posible”, indicou Lores quen destacou o traballo dos concelleiros e dos técnicos municipais que están a tratar a reforma do Centro Sur “con moito cariño”, así como á empresa Ramírez que está a traballar con rapidez. O obxectivo é que a obra estea rematada no
primeiro trimestre de 2023.

Pola súa banda, Carlos Godoy, presidente de Amencer indicou que “hoxe faise realidade un esforzo de moitos anos” e recordou que “non é fácil para unha asociación humilde facer unha obra deste custo”, polo que agradeceu a “axuda prolongada e profunda do Concello, e a  implicación que ten no proxecto”.