28 Set Inauguración do Pavillón Multiusos da Xunqueira
Posted at 20:54h
in Reforma Pavillón Multisusos
O Concello de Pontevedra inaugurou esta mañá o Pavillón Multiusos da Xunqueira nun acto no que foron protagonistas os cativos que alí adestran cada sábado. O pavillón Multiusos é, xunto ao Municipal, a instalación deportiva municipal máis empregada durante toda a semana pola que pasan centos de rapaces.
A refoma do Multiusos que tivo un custe de preto de 2 millóns de euros estivo cofinanciada cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cos que se desenvolve a Estratexia de Desenvolvemento Sostible Integral e Urbano (EDUSI) Máis, modelo Pontevedra.
Ao acto de inauguración asistiu o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, a concelleira responsable da xestión dos Fondos EDUSI, Anabel Gulías e outros membros da Corporación Municipal.
O Pavillón Multiusos acolle a 9 clubs da cidade que adestran ao voleibol, balonmán, fútbol sala, veteranos e Xoán XXIII (Teucro, Cisne, Leis, Voleibol Pontevedra, Arxil, Estudantes Pontevedra e O Club de Baloncesto Pontevedra e os equipos da Liga Asfusa), ademais dos nove clubs de fútbol que empregan as instalacións, poderán empregar o Multiusos, que cada fin de semana o empregan arredor de 1.500 deportistas.
A obra do Multiusos foi realizada pola Unión Temporal de Empresas (UTE) Prace-Constructora San Emeterio está ao fronte da reforma do Pavillón Municipal Multiusos da Xunqueira por 1.947.164 euros.
O Multiusos foi reformado integralmente. O interior desfíxose case na súa totalidade paradar paso a un polideportivo máis operativo e funcional. Consta de dúas canchas, novas gradas móbiles, maior amplitude de servizos, acceso directo para o alumnado do Instituto Xunqueira II, un ximnasio máis amplo e mellor equipado, vestiarios para o servizo do propio Pavillón como dos campos de fútbol próximos. Estes últimos vestiarios disporán de pizarras tácticas magnéticas.
En total existen un total de 19 vestiarios cunha capacidade media dunhas 20-30 persoas, co que existe unha capacidade de operación cómoda para arredor de 400 deportistas simultaneamente.
O Multiusos ten 24 anos e tiña necesidades de mellora e actualización inaprazables pois aínda que neste tempo fixéronse traballos de mantemento tratando de alongar a súa vida útil, ultimamente presentaba evidentes problemas estruturais, xunto a outros que fixeron necesaria esta reforma integral.
O novo edificio refixo integramente a cuberta con illante térmico até o de agora inexistente e impermeabilizouse dando solución aos problemas de humidade. Instalouse nova carpintería metálica e novo acristalamento específico para acadar ese illamento; renováronse os servizos (electricidade, alumeado Led que permitirá poder practicar deportes nas dúas pistas de forma independente, fontanería, mellora do sistema antiincendios…); renovouse todo o sistema de calor con novas caldeiras; mellora integral da accesibilidade, eliminando as barreiras do edificio e instalando un novo ascensor, e construíndo aseos adaptados para o público.