Iníciase a posta en marcha das actuacións de reforma do antigo ximnasio da Once

  • Trala sinatura da acta de replanteo das obras, a empresa adxudicataria do proxecto, Construcciones Ramírez, conta agora cun prazo de seis meses para rematar os traballos
  • A intervención ten un orzamento de 448.636,94 euros e está cofinanciada con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través da Estratexia EDUSI

Trala sinatura, esta mesma semana, da acta de replanteo dos traballos, o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes anunciou hoxe o “inminente inicio das obras de reforma do antigo ximnasio da Once”, un proxecto que executará a empresa Construcciones Ramírez, que conta cun orzamento de 448.636,94 euros e que está confinanciada cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos ao Concello a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) ‘Máis Modelo Urbano Pontevedra’. Segundo avanzou o edil socialista, as actuacións, que poderán poñerse en marcha unha vez que a brigada de Servizos Técnicos retire o material deportivo existente nas instalacións, teñen un prazo de execución de seis meses, polo que a previsión é “que poidan estar totalmente rematadas en abril do vindeiro ano”.

A reforma permitirá eliminar os problemas de humidade e condensación que presenta o inmoble, incidindo especialmente na modificación da cuberta e da fachada e na creación dun ximnasio axeitado para o adestramento e eficiente a nivel enerxético. Co obxectivo de cumprir coa normativa anti incendios abrirase unha porta de emerxencias na fachada suroeste da pista deportiva, substituiranse as portas dos percorridos de evacuación que non cumpran con dita normativa, protexerase a estrutura metálica dos arcos existentes e reforzarase o forxado da cuberta para na pista para cumprir a resistencia ao fogo requirida.

O proxecto de reforma do antigo ximnasio da Once (composto por dous volumes: o de maior tamaño, de dous andares, destinado á realización de actividades deportivas, e outro máis pequeno, no que se sitúan os vestiarios e o despacho) consta de varias intervencións relacionadas coa mellora das condicións térmicas da envolvente no volume dedicado a pista deportiva; a optimización das instalacións de calefacción e auga quente sanitaria (ACS); a instalación dun sistema de ventilación; a adecuación das condicións de accesibilidade; a adaptación á normativa de incendios, e o mantemento e reparación da estrutura de formigón.

Mellora das condicións térmicas do edificio

No que atinxe á mellora das condicións térmicas do edificio, preténdese manter o aspecto orixinal do edificio e, por este motivo, superporase un trasdosado de policarbonato polo interior da fachada nordeste, no volume da pista, mantendo así os bloques de vidro existentes. Na fachada noroeste substituiranse as carpinterías e vidros, tanto no volume da pista como no cuarto de instalacións, e trasdosarase e illarase o interior da pista. A tella da cuberta será substituída por tella curva sobre placa de vidrocemento.

O proxecto contempla obras de mellora da accesibilidade, o acondicionamento da urbanización e do acceso ao pavillón e a reparación da estrutura, na que se aprecian elementos de formigón danados, con fisuras, desconchados e con manchas de óxido, así como o desprendemento do formigón de recubrimento e considerable corrosión en zonas do armado. “A empresa Enmacosa -explicou Tino Fernández- levou a cabo un estudo destas patoloxías no que se concluíu que o recubrimento é insuficiente, sendo isto determinante no proceso de corrosión das armaduras”.

A actuación tamén prevé a substitución das carpinterías existentes no alzado suroeste do volume dedicado a actividades deportivas por ventás fixas de aluminio e da porta e a ventá do cuarto de instalacións por unha porta de aluminio de panel lacada e unha ventá fixa con acristalamento dobre. Tal e como apuntou o tenente de alcalde, “os parámetros básicos que se tiveron en conta á hora da elección dos acabados foron os criterios de confort e durabilidade” e a empresa adxudicataria ofertou ademais un incremento de un a tres anos no prazo de garantía.

As obras incluirán labores de mantemento e pintado, a substitución do teito da pista deportiva por un falso teito continuo de taboleiros ignífugos, o revestimento do teito da entrada suroeste con táboas de madeira, a instalación dun xerador de auga quente mediante enerxía solar, e a dotación dunha unidade de tratamento de aire (UTA) para a climatización, ventilación e control da humidade do aire na pista polideportiva. O resto das estancias levarán un sistema de calefacción por radiadores alimentados por unha caldeira centralizada de gas natural de condensación. A distribución de calefacción a radiadores realizarase mediante un circuíto diferenciado que dará servizo ás plantas baixa e superior.

A pista deportiva tamén disporá dun circuíto independente que alimentará á unidade de tratamento de aire, renovaranse parte das instalacións de fontanería e desmontaranse e recolocaranse as luminarias e mecanismos eléctricos existentes no volume da pista deportiva.

Tino Fernández suliñou que a reforma do antigo ximnasio da Once “terá unha enorme importancia para algúns deportes minoritarios, como o taekwondo e a esgrima, posto que se dedicará precisamente a estas disciplinas, que disporán dunhas instalacións con todo o material e as condicións que precisan para adestrar”.