Luz verde á licitación da aplicación informática e do estudo e proposta de explotación do transporte a demanda

  •  Para o estudo e proposta de explotación o orzamento máximo é de 102.850 euros e para a aplicación informática ascende a 297.460 euros
  •  A previsión é que ambas contratacións estean adxudicadas e comecen a executarse a finais deste ano

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, anunciou esta mañá que a Xunta de Goberno local vén de aprobar o inicio da contratación administrativa tanto do estudo e proposta de explotación do transporte a demanda como da aplicación informática que establecerá o seu funcionamento. Gulías lembrou que o proxecto de transporte a demanda é “unha aposta deste mandato que cremos que vai marcar un antes e un despois na mobilidade deste Concello”, polo que o inicio da contratación administrativa destes dous expedientes supón “o pistoletazo de saída”.

O estudo e proposta de explotación do transporte colectivo a demanda sae a licitación cun orzamento máximo de contratación de 102.850 euros e cun prazo de execución de 11 meses. Segundo explicou Anabel Gulías este estudo permitirá “analizar como se comporta a mobilidade sobre todo nas parroquias para poder buscar solucións acaídas, tanto no que ten que ver coa fórmula técnica pero tamén coas fórmulas legais”. Neste sentido, lembrou que a proposta de viabilidade e sostibilidade da explotación do servizo de transporte a demanda precisa “dun encaixe dentro da lexislación do Estado español, da lexislación galega e tamén da europea”.

Paralelamente, tamén se pon en marcha a licitación da aplicación informática que vai establecer como vai funcionar o mecanismo de transporte a demanda. Esta plataforma de xestión sae a licitación por un importe de 297.460 euros e conta cun prazo de execución de 21 meses. Neste apartado, Anabel Gulías informou que, durante o proceso de elaboración dos pregos, se puxeron en contacto co Concello empresas estranxeiras para coñecer o funcionamento desta aplicación e interesadas en participar no proceso.

Anabel Gulías asegurou que a previsión é que ambas contratacións estean adxudicadas e que comecen a executarse cara finais deste ano.

Por outra banda, tamén informou que desde o Concello se espera que as reunións coa Xunta de Galicia para a reformulación do transporte público de Pontevedra, que estiveron paradas pola crise sanitaria e polas eleccións, se retomen e mesmo que este sexa un tema a tratar na próxima reunión entre o alcalde e o presidente do Goberno Galego.

O proxecto ‘A implantación dun modelo de transporte colectivo a demanda mediante vehículos de baixa capacidade’ encádrase nos obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020 e da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) “Máis Modelo Urbano Pontevedra”, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).