06 Feb O Coche de Punto amplía a súa fase de probas a todas as parroquias de Pontevedra
- O servizo continúa avanzando na recollida de opinións, incidencias e problemas que poidan percibir os usuarios que ao longo desta última semana foron coñecendo o sistema
O novo Coche de Punto segue a súa fase de probas resolvendo diversos retos que vai atopando e mellorando en base ás opinións e comentarios que realizan as persoas que entraron no programa de probas que ao longo dos últimos días se foi desenvolvendo.
Nese sentido, a última novidade respecto deste servizo de transporte a demanda vén da man da súa ampliación a todas as parroquias do municipio. Até o de agora, as probas estaban limitadas só a Tomeza, Marcón, Salcedo e Ponte Sampaio, mais foi decidido que sexa estendido a todas as parroquias que conforman o municipio.
O obxectivo é comprobar o funcionamento da aplicación xa na súa totalidade xeográfica, ademais de abrir a porta a que novas persoas das parroquias restantes engadidas á esta fase beta poidan probar e achegar opinións sobre a aplicación e o sistema do Coche de Punto.
Así, o transporte a demanda en Pontevedra continúa o seu curso, entrando na súa segunda semana de probas, resolvendo todas as incidencias que foron aparecendo, amais de simplificando diversas accións dentro da aplicación, na procura dunha accesibilidade universal que o día de mañá permita o seu uso a calquera veciño e veciña do rural pontevedrés.
O edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, está en contacto coa empresa responsábel da creación da aplicación para poder manexar e solicitar o Coche do Punto, máis tamén puido conversar con algúns dos usuarios desta primeira fase de probas, que lle transmitiron a súa opinión do servizo, achegando ideas, incidencias ou inquedanzas sobre a aplicación.