O Concello dá luz verde ao núcleo de centralidade de Marcón

  • Inclúe a contorna da casa parroquial e suporá melloras en pavimentacións, accesibilidade e seguranza viaria
  • O proxecto da actuación xa está rematado e nas vindeiras semanas iniciarase o procedemento de licitación coa previsión de ter a obra contratada neste exercicio
  • O orzamento de licitación acada os 512.000 euros e o prazo estimado de execución é de 5 meses

 

Pontevedra, 25 de marzo de 2021. O concelleiro de Coordinación do Rural, Alberto Oubiña presentou esta mañá o proxecto para o núcleo de centralidade de Marcón, que mellorará toda a contorna da casa parroquial, onde se desenvolve a maior parte da vida comunitaria da parroquia, e as conexións cos lugares de Sabarís, Valadares, Carrasco e Marcón. Oubiña aproveitou para adiantar as previsións a respecto do inicio da actuación, asegurando que nas vindeiras semanas se iniciará o proceso de licitación e que se espera ter a obra contratada de cara ao outono. A actuación sairá a licitación por un orzamento de 512.000 euros e o prazo de execución será de 5 meses.

O concelleiro lembrou que os núcleos de centralidade son “unha aposta moi forte do Concello por estender o modelo urbano ás parroquias, que busca trasladar o que funciona na cidade aos núcleos de convivencia rurais, onde as persoas desenvolven gran parte do seu tempo”, e fomentando aspectos como a mobilidade peonil, os espazos de cohexistencia, as zonas verdes, a seguridade viaria e a accesibilidade.

Principais actuacións do proxecto do núcleo de centralidade de Marcón:

  • A plataforma central do espazo que agora é de xabre sera pavimentada con formigón drenante e acabado barrido, confinada entre bandas de granito. Este tratamento permitirá garantir a drenaxe do campo en condicións semellantes ás dun terreo natural.
  • Xerarase un acceso novo a esta plataforma desde a plataforma inferior a través dun itinerario en rampla adosado ao muro de contención, salvando a dificultade que supón a alta pendente do vial asfaltado que discorre polo lateral das plataformas.
  • No vial lateral, adoptarase unha solución de rampla tipo italiana, con chanzos de pequena altura e bordes redondeados, con bancos que permitirán descansar. Tamén irá pavimentada en formigón drenante confinado entre granito e levará iluminación de balizamento.
  • Solicitóuselle á Xunta que permita a instalación dun paso de peóns sobreelevado na estrada que discorre entre a área do núcleo de centralidade e o camiño que discorre cara a igrexa de Marcón, dada a alta velocidade dos vehículos ao seu paso por esta zona.
  • Os camiños que conectan cos lugares de Sabarís e Valadares – O Carrasco tamén irán pavimentados en formigón drenante e levarán iluminación en balizas baixas. O tráfico nestes viais estará restrinxido a peonil e agrario. No caso do camiño a Valadares-O Carrasco rematará nun faladoiro xunto ao cruceiro na zona da ‘Casa da Mestra’.

O proxecto de Marcón vén sumarse aos executados en Salcedo, Campañó e Cerponzóns, e os dous que están actualmente en execución en Mourente e Tomeza.

O núcleo de centralidade de Marcón está incluído dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020, e os obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).