O Concello licita o estudo e proposta de explotación do transporte a demanda

  • O orzamento ascende a 102.850 euros e a empresa adxudicataria deberá xustificar unha proposta con encaixe nas lexislacións galega, española e europea
  • O estudo incluirá unha análise da mobilidade no rural e a súa relación coa cidade, que será pioneiro nas cidades galegas

O concelleiro de Obras Urbanas e Transporte, Demetrio Gómez, anunciou esta mañá que o Concello vén de rematar o prego de contratación do estudo e proposta de explotación do transporte a demanda e que será publicado de xeito inminente. Trátase dun traballo que sae a licitación cun orzamento de 102.850 euros e que implicará, entre outos aspectos, o estudo da mobilidade do ámbito periurbano de Pontevedra e a elaboración dunha proposta xustificada de explotación do servizo.

Demetrio Gómez explicou que o estudo vai proporcionar a caracterización máis completa da mobilidade periurbana de Pontevedra e a súa relación coa cidade, e co transporte metropolitano, co ferroviario e co aéreo. “Imos ter o estudo máis completo da mobilidade perimetral dunha cidade galega, e vaise estudar como é a mobilidade no rural e a súa relación co centro urbano”, asegurou.

A segunda parte o traballo require unha proposta xustificada de como ten que ser o transporte a demanda en Pontevedra con análise das lexislacións galega, española e europea. Neste punto, o concelleiro adiantou que “ademais tomamos a decisión de que esa proposta xustificada debe ser presentada ao nivel de prego técnico.”

En canto ás fases desta contratación, establécense 5 meses para a diagnose, 3 meses para a análise de alternativas e proposta de transporte á demanda, 2 meses para o proxecto de explotación do servizo, e 1 mes para a análise do contexto administrativo e normativo. Ademais, estas catro fases deben ser validadas, cada unha delas, polos técnicos municipais.

Entre os criterios técnicos para adxudicar este traballo, Demetrio Gómez explicou que o 55% da puntación corresponderá a criterios económicos, que é a mínima porcentaxe esixida por lei, e a porcentaxe restante estará suxeita aos criterios técnicos referidos ao prego. Dentro da porcentaxe técnica, salientou que se terán especialmente en conta cuestións relativas a aspectos sociais e medioambientais, e citou como exemplos a sensibilidade en canto á paridade de xénero, o coidado que a empresa teña co medio ambiente ou coas emisións de gases invernadoiro. Tamén fixo especial fincapé en que o traballo deberá incluír obrigatoriamente a lingua galega en todos os seus apartados.

O proxecto para a posta en marcha do servizo de transporte a demanda está enmarcado nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) “Máis Modelo Urbano Pontevedra”.