O Concello remata a residencia asistencial do Centro Sur e a entrega a Amencer

O alcalde presidiu o acto de inauguración e entrega das instalacións que tiveron un custe de 1,5 millóns de euros que foron financiados, en parte, con fondos FEDER.
Lores resaltou que “hoxe é un día de alegría” e recordou que “un modelo de concello e de cidade non está completo se non atende ás persoas máis necesitadas”.

O Concello de Pontevedra entregou esta mañá a Asociación de parálise cerebral Amanecer a súa nova residencia, situada na segunda e terceira planta do Centro Sur (antiga residencia da ONCE). O acto de inauguración e entrega das instalacións estivo presidido polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores acompañado do responsable de Amencer, Carlos Godoy, así como dos concelleiros Anabel Gulías e Marcos Rey, responsables da xestión municipal de Fondos europeos e de Servizos Sociais.
O investimento de reforma da residencia superou o 1,5 millóns de euros que estivo financiado, nunha parte, con Fondos europeos FEDER, concedidos á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) “Máis modelo Pontevedra”, e doutra banda por fondos municipais.
No acto de inauguración o alcalde dixo que hoxe “é un día de alegría” pola “satisfacción de ter feito esta residencia para Amencer e que forma parte dun modelo de concello e cidade que non é completo se non atende ás persoas que teñen máis necesidades”.

Lembrou que a historia desta residencia naceu do convenio asinado coa ONCE que permitiu empregar a súa residencia, o pavillón e abrir a nova rúa. “Con esto cumprimos unha necesidade fundamental, imperiosa, porque as persoas con parálise cerebral van tendo máis idade e as súas familias non poden atendelos ben porque eles tamén teñen máis idade”, explicou Lores. Tamén afirmou que en Pontevedra “hai un salto
importantísimo na calidade e cantidade de infraestruturas de asistencia ás persoas máis necesitadas”, ao facer referencia, tamén, á nova residencia e centro de formación de Xoán XXIII.

O alcalde recordou que queda pendente de executar a reforma das dúas plantas superiores do Centro Sur que se destinarán a Amizade e Cogami.

Pola súa banda, o presidente de Amencer, Carlos Godoy lembrou que o edificio “vén a resolver un dos problemas de Amencer desde que naceu: darlles aos usuarios a posibilidade para o seu desenvolvemento, e que as familias se sintan apoiadas no labor de protexer aos seus fillos, dandolle esperanza de futuro”.

En nome da Corporación, o alcalde recibiu un cuadro pintado polos usuarios e usuarias de Amencer que se colocará na Alcaldía e, seguidamente, autoridades e a “familia de Amencer” pasaron a visitar as novas dependencias.
­