O Laboratorio da Infancia avanza na definición da estratexia educativa de Pontevedra coa celebración da primeira reunión do Lab Cultura

  • A iniciativa, impulsada pola Concellería de Educación con financiamento nun 80% polo Fondo Europeo Feder (a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado), contempla a elaboración dunha estratexia educativa dirixida ao alumnado de Primaria, incluíndo un Plan de Acción que contribúa ao seu mellor desenvolvemento

Analizar e avaliar as debilidades e fortalezas en relación á infancia e á cultura en Pontevedra é o principal obxectivo do primeiro encontro do Lab Cultura do proxecto Laboratorio da Infancia, que esta tarde acolle o Pazo da Cultura. Entre as cuestións ás que esta mesa de expertos pretende responder inclúense as seguintes: Cales son as mellores cualidades da oferta cultural para a infancia da cidade? En que destaca fronte a outras cidades de poboación semellante? Que vantaxes presenta o panorama cultural? Pode converterse nun ‘living lab’ sobre iniciativas culturais innovadoras? Cal é o punto máis feble do panorama cultural? Existen e son suficientes o servizos ou iniciativas culturais? Cales son os erros que se deberían evitar? Que riscos presenta? En que se pode mellorar? Que cousas non se fan no eido da cultura por falta de coñecemento, orzamento ou interese?

Os membros deste Lab Cultura son:

  • Eulalia Agrelo: directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración e vicedecana de Relacións Institucionais do Campus de Pontevedra. É doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela e profesora na área de Didáctica da Lingua e da Literatura da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da UVigo, onde forma parte de distintos grupos de investigación. É especialista en literatura infantil e xuvenil e coordinadora do Congreso Internacional de Mediación Lectora.
  • José Manuel Rey García: director do Museo de Pontevedra, arqueólogo e especialista en xestión do patrimonio arqueolóxico e en arte rupestre prehistórica. Dirixiu o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro desde a súa inauguración no 2011 ata 2019. Tamén foi profesor-titor do centro asociado da Uned en Pontevedra.
  • Gonzalo Maceira Hermida: director da Escola de Artes Estudo Bonobo, onde se traballa por proxectos arredor de diversas disciplinas artísticas. Levou a dirección artística, produción e coordinación educativa do proxecto musical Furious Monkey House e do proxecto social Voces Ocultas, con adultos con diversidade funcional, en colaboración coas asociacions Amencer-Aspace, Xuntos Down e Amizade, entre outros.
  • María Covadonga Barreiro: doutora en Belas Artes pola UVigo, con Mención Internacional, e cun Mestrado en Dirección de Arte en Publicidade. É artista e profesora asociada no departamento de Escultura da UVigo. Desenvolve a súa docencia no Grao en Belas Artes e no Programa de Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea. Tamén é profesora auxiliar na Escola Superior Artística de Porto (Portugal), no Mestrado en Artes Visuais.

O proxecto Laboratorio da Infancia, impulsado pola Concellería de Educación con financiamento nun 80% polo Fondo Europeo Feder (a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado), contempla a elaboración dunha estratexia educativa dirixida ao alumnado de Primaria por parte da firma adxudicataria Taller Aberto, incluíndo un Plan de Acción que contribúa ao seu mellor desenvolvemento. Dita estratexia será froito dun debate en cinco grupos de traballo interdisciplinares ou Labs centrados nun tema concreto: Lab Espazo Público, Lab Medio Ambiente, Lab Sociedade, Lab Vida Saudable e Lab Cultura.

Cada un dos grupos se centra no estudo dun tema definido por un equipo de coordinación. Nestes temas clave, ademais da infancia, a educación será o grande eixo transversal que sustentará tódolos debates (en tódolos grupos hai sempre unha persoa relacionada con este ámbito), sendo abordados con perspectiva de xénero e carácter inclusivo.