O parque forestal da Fracha estará rematado no verán de 2021

  • O Concello planifica o mantemento dos tres parques forestais periurbanos
  • Para o parque forestal da Fracha, que estará rematado no verán de 2021, contempla un contrato anual de mantemento de 80.000 euros
  • O proxecto do parque forestal periurbano da Fracha está enmarcado nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) “Máis Modelo Urbano Pontevedra”

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polo concelleiro de Montes, Alberto Oubiña, e por representantes das Comunidades de Montes da Canicouva, Tomeza e Marcón desprazouse ata a área recreativa do Outeiro Navío (Marcón) para facer unha visita de seguimento das obras do parque forestal da Fracha.

Fernández Lores asegurou que o parque da Fracha, xunto do da Tomba que tamén está en execución e o do Pontillón, forman parte da aposta do Concello de Pontevedra “polo medio ambiente, pola conservación do medio natural e por contribuír á loita contra o cambio climático”. Neste sentido afirmou descoñecer “concellos que teñan feito un investimento tan potente no mantemento, conservación e posta en valor dos montes perimetrais da cidade”.

O alcalde aproveitou a visita para anunciar que, unha vez rematadas as obras dos dous parques forestais en execución (A Fracha e A Tomba), o Concello ten previsto licitar o mantemento anual dos tres parques periurbanos. Para os que están en execución a previsión orzamentaria é de 80.000 euros anuais para o mantemento da Fracha e de 40.000 euros anuais para o mantemento da Tomba.

Na visita ao Outeiro Navío, cunha altitude de 420 metros sobre o nivel do mar e vistas ao Val do Lérez e ao inicio da ría de Pontevedra, Fernández Lores afirmou que este parque forestal “é un luxo para os pontevedreses” e agradeceu ás tres Comunidades de Montes a cesión dos terreos para levalo a cabo. Lembrou que o parque forestal da Fracha abrangue 406 hectáreas nas parroquias de Marcón (110,72 Ha), Tomeza (36,88 Ha) e A Canicouva (258,40 Ha) e quixo deixar “constancia do agradecemento dos veciños de Pontevedra a estas tres comunidades que cederon o uso destas hectáreas dos seus montes comunais para utilización de todo o mundo”.

As obras de execución deste proxecto foron adxudicadas á empresa Elsamex por 453.021,69 euros e contan cun prazo de execución de 12 meses polo que se prevé que estean rematadas no verán do 2021. Os traballos inclúen a substitución de especies invasoras, a recuperación dos bordes dos regueiros con especies de ribeira, a plantación de novos exemplares de especies autóctonas, a consolidación do terreo con restos de poda para que non se produzan escorrentías, e a apertura e acondicionamento de 26,6 km de sendas tanto para camiñar como para bicicletas. Ademais da área recreativa do Outeiro Navío en Marcón, tamén se acondicionarán a de Regha Pieira en Tomeza e a do Couto das Forcadas na Canivouva.

Por último, o alcalde fixo fincapé en que este tipo de proxectos “son fundamentais para a calidade de vida de todos os veciños de Pontevedra e a idea é facer un aproveitamento forestal con especies propias e con usos diversificados do monte, pero ao mesmo tempo que teña un uso social para que todos os veciños poidan achegarse, de forma cómoda, a gozar de espazos naturais a unha distancia de 4 ou 5 km da cidade”

Convén lembrar que o proxecto do parque forestal periurbano da Fracha está enmarcado nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) “Máis Modelo Urbano Pontevedra”.