08 Feb O período en probas do Coche de punto permite coñecer erros e dificultades dos condutores e dos usuarios
- O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez agradeceu esta mañá a participación de tres veciños de Marcón que empregaron este servizo -aínda en probas- para achegarse dende os seus domicilios até a cidade.
- O Concello irá parroquia por parroquia para axudar ás persoas que o precisen a inscribirse no servizo cando estea de alta dentro dun ano.
O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez agradeceu persoalmente esta mañá a tres veciños de Marcón que empregaron o Coche de punto -transporte a demanda-, en fase de probas, a súa participación activa, explicando as súas vantaxas e os seus inconvintes. Experiencias como as de destes veciños e veciña permitirán mellorar todo o sistema dixital do Coche de punto durante o vindeiro mes para que poida estar en marcha dentro de un ano.
O Concello puxo en marcha, de modo experimental, o Coche de Punto o pasado luns, 31 de xaneiro, en 4 parroquias do rural. Esta proba ofertada pola empresa que está a desenvolver as ferramentas informáticas permite realizar 3.500 km de viaxes reais para coñecer o funcionamento do web e a app e mellorar o servizo antes da súa posta en marcha.
Demetrio Gómez presenciou esta mañá unha destas probas con tres veciños do lugar de Pintos, da parroquia de Marcón, que se trasladaron dende as súas vivendas até a praza de Galicia para facer distintas xestións na cidade.
“Estamos moi contentos e orgullosos de que funcione o servizo” explicou Demetrio Gómez quen confirmou que “atopamos dificultades como as que teñen as persoas maiores que teñen que enfrontarse a usar un web ou aplicacións de teléfono que non son doados”. A este respecto aclarou que unha vez que se poña en marcha o servizo “está previsto ir parroquia por parroquia axudando a todas as persoas que teñan dificultades”, pero tamén recoñeceu que houbo outros imprevistos ou erros que se foron solventando nestes días como a dificultade dos condutores (neste momento de probas son taxistas) en atopar a situación das vivendas “aínda que xa vimos maneiras en que se poden resolver e en como ten que ir aprendendo o algoritmo” que xestiona o servizo.
Outro dos problemas detectados é a dificultade das persoas maiores de achegar o xustificante de que son pensionistas “para que servizo teña un prezo especial. Todo isto estase pulindo” aclaraba o concelleiro quen afirmou que “sabemos como temos que traballar para que isto funcione dentro dun ano”.
Até o pasado venres o Coche de punto en probas tiña inscritos a 30 usuarios e fixera 19 viaxes.