O servizo de transporte a demanda comezará o 31 de Xaneiro a súa fase de probas realizando as primeiras viaxes

  • Levará por nome ‘Coche de Punto’ e conectará todas as parroquias do municipio con diferentes espazos do centro da cidade a través de viaxes en coche solicitadas cunha aplicación 
  • A fase de probas servirá para poñer a punto o sistema, detectar fallos, e poderá ser usado por veciños das parroquias de Salcedo, Marcón, Tomeza e Ponte Sampaio

O Concello de Pontevedra informou esta mañá de mércores, 19 de xaneiro, sobre os avances no proxecto do chamado transporte a demanda, a partir de agora coñecido como Coche de Punto. O nome recupera unha denominación tradicional, un tanto esquecida na actualidade, pero que comparte a mesma idea e a relación co chamado coche de liña, ese que segue un trazado regular; e que difere do coche de punto, ese que se colle nun espazo concreto e pode chegar até outros lugares sen seguir unha ruta concreta.

 

O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, sinalou que foron feitas consultas lexicográficas sobre esta cuestión, chegando á conclusión de que non había opción mellor que usar este termo para o que nos últimos tempos se foi chamando transporte a demanda. «É un nome que soa ben, que responde. Recuperamos unha tradición aínda viva nalgunhas persoas e queda unha marca que se entende e que queda moi elegante», explicou o edil.

Alén do bautizo da marca, Gómez lembrou que se foi traballando nos últimos tempos arredor de dous elementos. Por un lado, a creación, o deseño e a posta en marcha dunha plataforma informática que permitise xestionar todo o operativo que hai detrás dun transporte coma este. Doutra banda, estaría o deseño do aparello normativo e legal.

«A aplicación informática está lista e case rematada, polo que a partir do 31 de xaneiro o transporte a demanda entrará en probas en Pontevedra», afirma o concelleiro de Mobilidade. Así, durante un mes, algunhas parroquias do municipio de Pontevedra poderán dar os seus primeiros pasos no uso deste servizo. As probas teñen por obxectivo concreto comprobar os puntos febles do sistema, polo que non se ofrecerán explicacións, por parte da Administración, sobre como utilizar a plataforma, pois a accesibilidade é un dos puntos chave nesta fase beta. «Queremos ver se as persoas son quen de darse de alta no servizo e no caso de que haxa complicacións, aplicar as correccións correspondentes». Porén, o día de mañá, no intre que o servizo comece a funcionar, Gómez xa confirmou que se farán as intervencións e charlas necesarias para explicar o seu uso e funcionamento, parroquia por parroquia, local por local.

No sentido máis amplo, as probas permitirán comprobar onde acerta e onde falla o servizo, para logo afondar nestas cuestións e buscar posíbeis solucións a todos os problemas que poidan xurdir e sexa unha plataforma eficaz e realmente rematada.

As parroquias seleccionadas para esta primeira fase de probas serán: Marcón, Salcedo, Tomeza e Ponte Sampaio. Secasí, non todas as persoas destas parroquias poderán facer uso do Coche de Punto. Serán vinte veciños de cada unha delas, que serán seleccionados nos vindeiros días para logo, durante o mes de febreiro, comezar a probar o servizo, o que incluirá ver o funcionamento completo do sistema a demanda, desde descargar a aplicación nos seus teléfonos, utilizar a central de reservas, utilizar páxina web e solicitar as viaxes. Estre xoves, 20 de xaneiro, o Concello manterá unha reunión na Casa Verde de Salcedo con entidades e membros dos diferentes consellos parroquiais para buscar e seleccionar as persoas que probarán o servizo.

Gómez tamén explicou que serán os taxistas da cidade os que axuden neste período de testeo, que se comprometeron, logo dunha reunión co sector, a dar de alta a dez condutores no sistema, funcionando a central de reservas a través da mesma central de Radio Taxi de Pontevedra.

As viaxes poderán ser feitas entre as 7 da e as 14.30 horas, nesta fase. A aplicación xa está pensada, doutra banda, para planear a viaxe de ida máis tamén a de volta, conectando as parroquias coa cidade. Non é obrigatorio facer uso das dúas viaxes iguais, nin manter un punto de volta fixo. «Un poderá ir dun punto de Salcedo ao Hospital e logo volver desde o Campus Universitario a outro punto da parroquia», explica o edil.

En total, están previstos uns 1.500 quilómetros de probas, que serán de balde. Unha vez o servizo quede rematado e comece a funcionar de xeito definitivo, o Concello confirma que si terá un prezo «como ocorre con calquera servizo de transporte público», se ben este non está aínda fixado.

Como será o funcionamento das viaxes? Poderán partir dunha porta concreta da parroquia, mais terán puntos de destino prefixados. A día de hoxe estes serán: Praza de Galiza, o Centro de Saúde Virxe Peregrina, a Casa do Mar, o Hospital Provincial, a Xunta de Campolongo, o Campus da Xunqueira, a estación de bus e tren e a Praza de Abastos. Fóra do ámbito urbano aparece o Hospital de Montecelo, o único desta clase nesta primeira proba. «Cando funcionen todas as parroquias é previsible que se inclúa o centro de saúde de Lérez, por exemplo», sinala Gómez, que se mostra moi ilusionado co proxecto, ao lembrar que será realmente pioneiro «ao non existir en ningún outro sitio un sistema coma este. Hai outras probas de transporte a demanda e algunhas liñas de autobús, pero son para poboacións moito máis pequenas e sen a posibilidade de facer este universo de viaxes».