Pontevedra xa conta co seu primeiro edificio adicado en exclusiva ao feminismo e a igualdade

  • A reforma do edificio Redeiras permite que o Centro de Información da Muller duplique o tamaño das súas oficinas, que pasa a contar con espazos máis grandes, íntimos e de múltiples funcións.
  • O Concello seguirá apostando por fomentar espazos seguros e agarda, nunha segunda fase, poder estreitar lazos co espazo público que rodea o edificio como a praza de José Martí.

A reforma realizada no edificio Redeiras con base nos Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que financia a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado Máis Modelo Pontevedra cun valor de preto de 90.000 euros, entra no seu tramo final. Practicamente rematada a obra, o Centro de Información da Muller (CiM) pasa a contar con todo un edificio adicado a fomentar a igualdade, o feminismo e a protección da muller na cidade de Pontevedra e a súa contorna.

O lugar foi sede con anterioridade tamén do GDR, que a día de hoxe conta cun novo edificio de seu nos Campos. Agora, o CiM pode máis que duplicar o seu espazo de traballo e actividade, o que favorece contornas máis amábeis coas mulleres que acuden até as oficinas, con lugares máis íntimos e seguros.

A planta baixa é agora un espazo múltiple que conta cun aseo adaptado, cociña, mobiliario de calidade e o tamaño suficiente como para poder acoller varias actividades asemade. Con esa idea, o Concello de Pontevedra fai un chamamento a todas as mulleres e colectivos feministas que queiran e precisen un espazo de seu para traballar pola igualdade para que se poñan en contacto co Concello ou o CiM co obxectivo de usar este lugar para tales fins.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto coa concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, e a concelleira de Réxime, Anabel Gulías; visitou esta mañá as renovadas instalacións para coñecer de primeira man o seu novo estado.

«Agora o Concello e a cidade conta cun edificio destinado en exclusiva a traballar polas mulleres, pola igualdade e polo feminismo. Quedan pouquiñas cousas por facer, pero si nos prestaría, dalgunha maneira, que esta contorna que temos preto do CiM, como é a praza de José Martí, puidera ser unha continuidade deste, lograr unha integración do espazo público cara este centro de actividade».

O alcalde calificou a reforma como un «avance significativo» para a cidade, cun CiM que soluciona os seus problemas de espazo e que agora poderá exercer a súa actividade dun xeito máis cómodo, amábel e mellor, algo realmente positivo ao ter en conta os temas tan delicados que trata o servizo municipal.