08 Feb RadioTaxi traslada ao Concello información sobre servizos e tráficos para pór en marcha o transporte a demanda
- Xunto con técnicos municipais visita as instalacións para coñecer en directo o seu funcionamento
- O transporte a demanda está entre as iniciativas municipais cofinanciadas polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)
O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, acompañado de técnicos municipais, achegouse esta mañá ás instalacións de RadioTaxi para coñecer persoalmente o funcionamento do servizo e o programa que xestiona os seus contactos, reservas e tráficos dos vehículos co fin de “saber que información poden fornecer que sexa interesante para formular o transporte a demanda que estamos intentando pór en marcha”, indicou o concelleiro.
José Crespo, presidente da Asociación Provincial do Taxi, fixo de anfitrión e incidiu na boa disposición do sector para colaborar no proxecto do transporte a demanda onde ven unha oportunidade de mellorar o servizo aos veciños e veciñas ao tempo que unha posibilidade de ampliar o volume de negocio.
O Goberno local está a dar os primeiros pasos cara a implantación do transporte a demanda. Após dun primeiro encontro cos taxistas de presentación das liñas xerais do proxecto a semana pasada, hoxe formulou peticións concretas de información como mapas zonais e tráficos dos taxis no municipio (horarios, destinos, demanda…). Os técnicos municipais cruzarán estes datos con outros demográficos e técnicos para ver a viabilidade de coordinación.
O transporte urbano ten que adaptarse as demandas e necesidades dos veciños e veciñas e ten que ser unha resposta do século XXI. Con este horizonte por diante o Concello de Pontevedra está a dar os primeiros pasos cara a implantación dun modelo de transporte colectivo, a demanda, mediante vehículos de baixa capacidade (de nove prazas ou menos).
O sector do taxi conta na cidade con 89 vehículos (licenzas) e emprega a arredor de 110 persoas. Nesta flota hai vehículos de até 7 prazas.
O proxecto de transporte a demanda desenvolve o Obxectivo 4.5.1 da Estratexia 2020 Europea, mediante o “Fomento da mobilidade sostible: transporte urbano limpo, transporte colectivo, conexión urbana-rural, melloras na rede viaria, transporte ciclista, peonil, mobilidade eléctrica, e desenvolvemento de sistemas de fornezo de enerxías limpas; dentro do campo de intervención (CI047/CE044) Sistemas de transporte intelixentes”.
Trátase da implementación dun medio de transporte público baixo demanda entre a poboación residente en núcleos de baixa densidade, fundamentalmente. Este servizo favorecerá a mobilidade á carta, facilitando o transporte a onde se determine, no momento que se demande, compartindo a viaxe con outros pasaxeiros con traxectos similares, en vehículos de baixa capacidade, articulado, preferentemente, a través do servizo de taxi. Priorizaranse os desprazamentos a equipamentos socio-sanitarios e de carácter asistencial.
Este sistema de transporte estará orientado principalmente á poboación de núcleos de baixa e media densidade de Pontevedra e a colectivos con posibilidades de mobilidade reducida (poboación da terceira idade, poboación infantil e xuvenil, etc.).
O proxecto conta cun investimento aproximado de 300.000 euros, do que o 80% corresponde ao financiamento a través dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER 2014-20). Incluíndo neste investimento as axudas para implementar solucións tecnolóxicas.
A análise e avaliación de experiencias de transporte a demanda doutros lugares (implantadas e tamén fracasadas) guiará a definición do sistema en Pontevedra.
Fondos FEDER
O proxecto para “A implantación dun modelo de transporte colectivo a demanda mediante vehículos de baixa capacidade” encádrase nos obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020 e da da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).