Sae a licitación a mellora do centro deportivo de Casal do Río e a contorna do local social de Lusquiños, en Tomeza

  • Ten un orzamento de 588.000 euros e un prazo de execución de 5 meses
  • A obra estará financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)
  • Ante a negativa de Patrimonio, o Concello decidiu sacar do proxecto a mellora das contornas de San Pedro e San Cibrán, tamén en Tomeza, e asumilos nun futuro con fondos propios.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o inicio da contratación da mellora de infraestruturas na parroquia de Tomeza, un proxecto valorado en 588.747,29 euros e cun prazo de execución 5 meses. Esta obra está incluída dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral “Máis modelo Pontevedra”, que está financiada cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.

Este proxecto está formado por dúas actuacións distintas en dous ámbitos distintos da parroquia: Casal do Río e Lusquiños. En Casal do Río está previsto mellorar o parque e as instalacións deportivas reformando o peche perimetral, ordenando as pistas deportivas e instalando mobiliario deportivo: porterías, canastras… Tamén está contemplado reformar a zona de recreo (instalación de espazos de merendeiro e acondicionamento da parcela arborada), diferenciar visualmente a estrada e sinalizar o estacionamento e parada do autobús.

Na contorna do Local social de Lusquiños tamén se mellorará o peche perimetral, paviméntase o acceso con usos diferenciados: haberá un acceso peonil ao centro cultural, e unha segunda entrada de pedra do país no que poderán estacionar vehículos; aproveitarase un desnivel do terreo para crear un banco corrido, que estará conectado coa parte baixa da parcela cunhas escaleiras e unha rampla. Tamén se mellorará a parte baixa da parcela con xabre consolidado onde se instalará unha churrasquería, mellorarase o espazo infantil e toda a accesibilidade da parcela.

O proxecto de mellora das infraestruturas de Tomeza era moito máis ambicioso. Tiña un orzamento próximo ao millón de euros e incluía unha actuación en catro ámbitos distintos da parroquia. Ademais dos xa mencionados, estaba prevista as melloras das contornas de San Pedro e de San Cibrán, pero estas dúas intervencións recibiron o informe en contra da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia que obriga a unha intervención arqueolóxica de maior envergadura.

Ante esta situación e dado que a obra se financia con fondos europeos que precisan dunha xustificación temporal moi axustada, o Concello acordou sacar estas dúas actuacións do proxecto de financiamento europeo e destinar as contías sobrantes a executar o núcleo de centralidade de Marcón cun custe duns 500.000 euros, aproximadamente.

Ao tempo, o Concello non renuncia a actuar nestes dous ámbitos (San Pedro e San Cibrán) pero xa sería con fondos propios e atendendo aos tempos que requiren as esixencias da Xunta.

Os proxectos excluídos

No que respecta á igrexa de San Pedro de Tomeza, o proxecto incluía a sinalización de máis de 50 prazas de estacionamento, limpeza e rexeneración da zona verde, consolidación dos muros e das ruínas da edificación (Casa reitoral) existente, conservación da cuberta do alpendre e mellora do acceso peonil a este recinto.

Sobre o ámbito da capela de San Cibrán, a actuación consistía en limitar o acceso de vehículos á capela, a delimitación do espazo do adro onde se celebra a festa, demolición do palco existente, consolidación estrutural do miradoiro eliminando certos elementos que son un perigo para as persoas.

O proxecto de Marcón

A metade do investimento do proxecto de Tomeza destinarase a conformar e consolidar o núcleo de centralidade de Marcón creado entorno á casa parroquial, onde se atopan os distintos campos da festa.

Entre as actuacións previstas está a repavimentación da contorna do campo da festa, facer un tratamento de consolidación do firme no ámbito de propiedade municipal, canalizar as augas pluviais e crear unha senda que conecte a Casa parroquial coa igrexa a través do paso de peóns. Tamén inclúe mellorar a conexión cos lugares de Valadares e o Carrasco a través dunha vía moi estreita, polo que se lle dará só preferencia peonil con acceso aos vehículos agrícolas que atenden ás fincas; e mellorar a conexión cos lugares de Sabarís e Pintos.