20 Dec Ven “Descubrir a Illa do Covo” este domingo da man de Polo correo do vento
A Concellaría de Promoción da Cidade organiza este domingo, día de Noiteboa, unha demostración da nova xincana infantil “Descubrindo a Illa do Covo” da man dos seus guionistas: Polo correo do vento. A cita, totalmente de balde, é ás 17.00 horas na praza de entrada á Illa do Covo, xunto á pasarela peonil.
O único requisito para participar na xincana é que os menores vaian acompañados dun adulto que dispoña ben dun teléfono móbil ou tablet, no que estea instalada unha app lectora de códigos QR.
En cada parada da xincana, os rapaces poderán escanear estes códigos e ver os breves vídeos nos que aparecen os seus protagonistas: Uxía e Brais acompañados da cadela Ponte. Na súa viaxe pola illa atoparanse con distintos persoeiros como Javier Gómez Noya, o Padre Sarmiento ou o Lobo Orbil. Todos eles ofrecerán pistas para ir completando a xincana (ten 9 paradas) que rematará na Casa da Luz, onde o Pirata Soto felicitará aos participantes que, ademais, conseguirán o diploma de “Guía oficial da Illa do Covo”.
A xincana “Descubrindo a Illa do Covo” é o primeiro dos proxectos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) que pon en marcha o Concello de Pontevedra. Ademais, esta actividade está catalogada como unha “boa práctica” dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra, que presentou o Concello aos fondos europeos e que foron concedidos o pasado ano.
Por este motivo, a demostración desta xincana será gravada por parte do departamento de Promoción da Cidade para despois elaborar un vídeo promocional da actividade e da pegada dos fondos FEDER na cidade. Aquel vídeo levarase a concurso tanto a Madrid como a Bruxelas, xunto a outras boas prácticas doutras cidades españolas e europeas que tamén obtiveron estes fondos, para que os responsables das institucións do Estado e Europeas escollan os mellores.